HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en valor a aposta dos concellos recoñecidos cos premios...

A Xunta pon en valor a aposta dos concellos recoñecidos cos premios Vilas en Flor por reforzar a súa riqueza paisaxística a través dunha xestión sostible

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez enxalza o labor de autoridades municipais, técnicos, asociacións veciñais e de todas as persoas que traballan no día a día para impulsar proxectos que converten as nosas contornas en lugares de encontro, convivencia, saúde e lecer
  • Reitera o compromiso do Goberno galego co fermosismo a través das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos que desde a súa posta en marcha no ano 2021 apoiou preto de 3.000 actuacións por importe de 11,6 M€

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor a aposta dos concellos recoñecidos cos premios Vilas en flor por reforzar a súa riqueza paisaxística a través dunha xestión sostible que promove os espazos verdes urbanos e ofrecen unha maior calidade de vida á veciñanza.

Durante a súa intervención no acto de entrega das Flores de honra, que tivo lugar en Carballo, a conselleira animou aos concellos a seguir desenvolvendo iniciativas que contribúan a ter unhas vilas e cidades “máis verdes, coidadas, sostibles e fermosas”.

Nesa liña, Ángeles Vázquez enxalzou o “labor constante” de autoridades municipais, técnicos, asociacións veciñais e de todas as persoas que traballan no día a día para impulsar proxectos que converten as nosas contornas en lugares de encontro, convivencia, saúde e lecer.

Así, animou aos concellos a seguir creando infraestruturas vedes, que, ademais de contribuír á sostibilidade do planeta, reforzan a riqueza paisaxística do noso territorio, melloran a calidade de vida das persoas e fomentan a interacción social ao converterse en lugares de desfrute conxunto. “Cada xardín, cada praza e cada senda é un exemplo do que significa apostar pola natureza como eixo de futuro”, aseverou a conselleira.

Nese senso, a conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego co fermosismo a través das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos que desde a súa posta en marcha no ano 2021 apoiou preto de 3.000 actuacións por importe de 11,6 millóns de euros para revitalizar os núcleos rurais e recuperar elementos de valor arquitectónico, cultural e etnográfico.

Ademais, o vindeiro ano a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático promoverá a creación da Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia co obxectivo de seguir compartindo boas prácticas e desenvolver proxectos comúns. Poderán formar parte desta iniciativa aqueles municipios que teñan, polo menos, tres destes distintivos desde o ano 2020 e, así mesmo, as administracións locais adheridas a esta iniciativa tamén recibirán apoio técnico e económico.

A iniciativa Vilas de flor supón un importante recoñecemento á revitalización de espazos e servizos públicos mediante actuacións en torno a tres eixos clave: a conservación e o impulso do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade, e o uso social e as sinerxías coa actividade turística.

Para concluír, a conselleira fixo fincapé en que cada vez son máis os concellos que apostan pola mellora dos espazos urbanos e pola súa xestión sostible, o que mostra o compromiso das entidades locais coa mellora íntegra do territorio e a paisaxe en Galicia. De feito, esta oitava edición dos galardóns Vilas en flor premia a 41 municipios, fronte aos 5 que recibiron esta distinción na súa primeira edición.

Publicacións Relacionadas