O Concello de Mos vén de aprobar de maneira definitiva o Proxecto de Urbanización das Fases II e III do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta de Vigo.
Esta aprobación, que tivo lugar na Xunta de goberno local celebrada esta mañá, dá continuidade á tramitación iniciada trala aprobación definitiva do PIA pola Xunta de Galicia o 14 de abril de 2025. O documento de urbanización fora aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local o 26 de maio de 2025, someténdose a información pública durante un mes conforme á Lei do Solo de Galicia, e recibindo todos os informes sectoriais preceptivos, incorporados agora de maneira íntegra no documento definitivo.
O Proxecto de Urbanización das Fases II e III conta cun orzamento de execución material de 2.782.547,63 euros e un orzamento por contrata de 4.006.590,33 euros.
Os servizos técnicos e xurídicos municipais conclúen no seu informe que a documentación presentada é suficiente e axeitada para a súa aprobación definitiva, cumprindo coa normativa vixente, integrando todos os informes sectoriais e atendendo ás determinacións ambientais e á información pública realizada.
Con esta aprobación definitiva, o Concello de Mos e o Real Club Celta de Vigo continúan avanzando nun proxecto estratéxico que converterá o municipio nun referente deportivo, formativo e tecnolóxico a nivel galego.



