– “Mariscando conCiencias para o futuro” é unha iniciativa da cooperativa Cidadanía con Amarturmar, Future Oceans Lab (da Universidade de Vigo), Artelixo e o Concello de Redondela. O proxecto conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso logo de ser seleccionado entre máis de 150 propostas de toda España.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dun traballo colaborativo entre mariscadoras a pé, persoal investigador, artistas locais e Concello, liderado pola cooperativa galega Cidadanía. O obxectivo é extraer aprendizaxes do pasado de cara a un futuro sostible do traballo no mar.
– Desafíos como o cambio climático estarán moi presentes no proxecto que se desenvolverá na enseada de San Simón entre 2025 e 2026. A primeira cita aberta á veciñanza son os obradoiros “O pasado da pesca artesanal” os días 26 de novembro, 3 e 10 de decembro en horario de 18.00 a 20.30 horas na Oficina de Turismo.
Hoxe presentouse na Oficina de Turismo de Redondela “Mariscando conCiencias para o futuro”, unha iniciativa da cooperativa Cidadanía con Amarturmar, Future Oceans Lab (da Universidade de Vigo), Artelixo e o Concello de Redondela. O proxecto conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso logo de ser seleccionado entre máis de 150 propostas de toda España.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dun traballo colaborativo entre mariscadoras a pé, persoal investigador, artistas locais e Concello, liderado pola cooperativa galega Cidadanía. O obxectivo é poñer en común “narrativas e accións que extraian aprendizaxes do pasado de cara a un futuro sostible dos traballos do mar artesanais”. Desafíos como o cambio climático estarán moi presentes neste proxecto que se desenvolverá na enseada de San Simón entre 2025 e 2026. Ana González, de Cidadanía,explica que se abordará o desafío de imaxinar “como adaptar un sector produtivo aos cambios ambientais”. Rivas puxo o foco precisamente no marisqueo, un sector eminentemente feminino e artesanal no que traballan ducias de mulleres en Redondela. Grazas a esta iniciativa científicas, mariscadoras e artistas intercambiarán saberes técnicos e populares dun sector tradicional de moito arraigo no litoral galego.
O reto do cambio climático
O sector pesqueiro artesanal galego e especialmente o marisqueo enfróntase ao gran retos dos efectos do cambio climático. Ana Sotelino, da asociación Amarturmar, advirte que os problemas están a manifestarse “cunha mortalidade masiva dos bivalvos pola ausencia de chuvias, o aumento da temperatura da auga ou as chuvias torrenciais”. A contaminación é outros dos problemas que afecta ao sector do mar, así como a presenza de especies invasoras, entre outras. “Mariscando conCiencias para o futuro” busca, desde diferentes ámbitos, analizar a situación actual e proxectar futuros sostibles e realistas xunto co colectivo da pesca artesanal na enseada de San Simón.
Obradoiros “O pasado da pesca artesanal”
Ao longo dos vindeiros meses levaranse a cabo obradoiros abertos á veciñanza nos que recoller coñecementos populares, fitos do colectivo do mar, persoas referentes do sector e prácticas sostibles no mar. A primeira convocatoria é cos obradoiros “O pasado da pesca artesanal” con tres xornadas que serán os días 26 de novembro, 3 e 10 de decembro. Trátase dun espazo participativo e de conversa entre os asistentes, nos tres casos en horario de 18.00 a 20.30 horas na Oficina de Turismo de Redondela. As persoas que desexen participar están convidadas a achegar obxectos, documentos, fotos, etc. do traballo do mar en Redondela. Por motivos de organización recoméndase confirmar asistencia no teléfono 627 096 062.
Toda a información recompilada será interpretada de maneira artística nunha liña do tempo elaborada polo colectivo Artelixo.
De cara ao 2026 desvelaranse novas actividades de Mariscando conCiencias para o futuro, onde haberá un percorrido polos areais colaborando cos colexios do municipio.



