Ante as manifestacións realizadas pola CIG nos últimos días e a difusión de informacións incompletas ou directamente falsas, o Concello de Ponteareas quere trasladar á cidadanía unha mensaxe de tranquilidade, rigor e total transparencia respecto da xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o requirimento de información recibido da Fiscalía.
Non existe ningunha causa aberta contra o Concello
O escrito da Fiscalía é unha petición de documentación habitual tras unha denuncia dun terceiro. O Concello está a colaborar plenamente e remitirá toda a información solicitada nas vindeiras horas, tal e como é preceptivo en calquera procedemento deste tipo. Agradecemos que isto poida ser así e confiamos en que o xulgado esclareza toda esta situación de desinformación.
Cómpre salientar que o expediente administrativo conta con máis de 1.000 páxinas, nas que se detallan todos os procedementos seguidos de forma exhaustiva, garantindo que se cumpre con toda a normativa e coa máxima transparencia.
Seguimento exhaustivo desde o inicio do contrato
Desde o comezo da actual concesión, o 14 de abril de 2025, o Concello realizou un seguimento continuo e rigoroso do cumprimento das obrigas da empresa adxudicataria. Neste tempo emitíronse numerosos requirimentos formais, informes técnicos e supervisións directas que permitiron detectar atrasos e incidencias, esixindo a súa emenda en todo momento.
En concreto, a empresa recibiu requirimentos o 3, 12 e 30 de xuño, o 17 de xullo e o 7 de agosto, todos eles previos ao escrito da CIG do 8 de agosto, que fai alusión á Fiscalía. Por tanto, non se pode tachar a este Goberno de falta de acción, xa que o Concello actuou de forma proactiva dentro das súas competencias.
Cómpre lembrar que o Concello ten a obrigación contractual de comunicar directamente coa empresa concesionaria, non co sindicato CIG. Toda a información, requirimentos e documentación relacionados co servizo son trasladados á empresa, tal e como establece o contrato.
Servizos mínimos: desmentido de informacións falsas
O sindicato CIG recorreu ante o xulgado a pauta establecida polo Concello, que fixaba un mínimo de 45 minutos por usuario para realizar tarefas básicas como aseo, alimentación e toma de medicación. A CIG consideraba que este tempo era excesivo e abusivo para levar a cabo estas tarefas en cada domicilio.
Con todo, posteriormente, os traballadores chegaron a un acordo coa empresa, a través do seu sindicato, segundo o cal ningún usuario verá reducido o tempo mínimo de atención de 45 minutos. Ademáis, en moitos casos, o tempo de atención incluso duplica o establecido como mínimo.
Este feito evidencia unha nova manipulación de información pública, na que se difunde unha versión que non reflicte a realidade do acordo alcanzado nin a mellora efectiva na calidade do servizo aos usuarios.
Desmentido de outras informacións falsas
Nas últimas horas circularon afirmacións que non son certas e que só contribúen a xerar confusión:
É falso que o Concello puxera camas da residencia ao servizo de Óbolo. En ningún momento se trasladou mobiliario municipal para cubrir carencias da empresa.
É falso que o Concello comprase os teléfonos móbiles das traballadoras. O Concello limitouse a requirir á empresa que cumprira co contrato, no que figura claramente que debe dotar o persoal co material necesario para o desempeño das súas funcións.
O Concello lamenta que se difunda información incorrecta que pode prexudicar ás persoas usuarias, ás traballadoras e ao propio servizo.
Sobre a sede da empresa adxudicataria
A CIG critica agora que a empresa concesionaria teña a súa sede fóra de Galicia, cando a empresa anterior, á que non se lle formulaban estas críticas, tiña a sede en Valladolid.
O sector do SAF funciona con compañías de ámbito nacional que prestan servizo en diferentes territorios do Estado. O relevante non é onde teñan a sede, senón o cumprimento estrito das súas obrigas contractuais.
O Concello xa actuou antes das denuncias sindicais
Moito antes dos escritos da CIG, o Concello xa: detectara incumprimentos, emitira requirimentos formais, advertira atrasos en documentación esencial, e iniciara accións para garantir a calidade do servizo.
O 28 de outubro aprobouse en pleno o inicio dun expediente sancionador á empresa adxudicataria polos retrasos no cumprimento das condicións do contrato do SAF. Algúns critican que o expediente se demorase, pero cómpre lembrar que un procedemento sancionador que implica unha sanción superior aos 22.000 euros debe emitirse con toda a documentación xustificativa e coa máxima seguridade xurídica, garantindo que calquera reclamación administrativa ou xudicial posterior poida ser defendida con plenas garantías para o Concello e para o interese público.
Adxudicación e cumprimento do contrato
A empresa que presta actualmente o servizo foi adxudicataria mediante un concurso público, con total transparencia e seguindo todos os procedementos legais. O Concello non pode rescindir o contrato unilateralmente mentres a empresa cumpra a maior parte das súas obrigas.
O que fixo o Concello foi iniciar un expediente sancionador polos retrasos detectados, actuando de forma correcta e proporcional. Ademais, cómpre lembrar que, aínda que se rescindise o contrato, nada impediría que a empresa volva presentarse a un novo concurso público e gañe de novo, se ofrece a mellor proposta para a administración.
Impacto da folga no servizo
A situación de folga está a ocasionar que o Concello non poida prestar o servizo a usuarios que se atopan en lista de espera. Ademais, impide a contratación de novo persoal, o que limita a posibilidade de ampliar o servizo, que é o obxectivo principal deste novo contrato concesional.
Compromiso absoluto coas persoas usuarias e co persoal
O Concello de Ponteareas ten clara a súa prioridade: protexer ás 74 familias usuarias do SAF e garantir os dereitos das traballadoras. Por iso seguirá actuando con responsabilidade, transparencia e colaboración co resto de administracións implicadas. O goberno de Ponteareas priorizou dende o primeiro momento o seu firme compromiso pasando dun contrato de 950.000 a investir 2,1 millones no contrato de axuda no fogar para cubrir listas de espera grado III e II porque a prioridade é atender ás persoas que máis o necesitan. Respectando o dereito as traballadoas á folga nós debemos garantir a atención ás persoas usuarias. O goberno traslada o seu agradecemento ás profesionais que seguen prestando o servizo.
Chamamento á responsabilidade e ao rigor informativo
Nun servizo tan sensible como o SAF, o Concello pide evitar discursos que xeren alarma ou confusión. As administracións deben traballar con datos, non con rumores nin afirmacións infundadas.



