Ambas poetizarán o seu mundo e as súas inxustizas sociais nunha lingua minorizada: a primeira no seu materno canarés e a segunda na de acollida: o galego
O ciclo Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello e dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, volve este luns 17 ao auditorio do Centro Sociocultural Ágora (20.00 horas), cun novo recital de poesía que, nesta ocasión, terá un marcado acento oriental.
Reshma Ramesh e Yamini T. Prabhu, dúas mozas da India, serán as protagonistas dunha sesión moi especial, na que ambas as dúas poetizarán o seu mundo e as súas inxustizas sociais nunha lingua minorizada; a primeira no seu materno canarés e a segunda na de acollida: o galego.
A doutora Reshma Ramesh, graduada en Odontoloxía pola Universidade de Bangalore, é unha premiada poeta bilingüe en canarés e inglés. Exerce tamén como odontóloga en Bengaluru (India), ademais de ser tradutora, activista e unha fotógrafa licenciada en Belas Artes con exposicións individuais en diversos países. Os seus poemas foron traducidos e publicados en máis de vinte linguas, e ten recibido premios en Turquía, Serbia e na China.
Na India foi galardoada co Karnataka Women Achiever’s Award e o Savitribai Phule National Women Achiever Award, entre outros. Ten representado a India en numerosos festivais poéticos do mundo, entre eles o de Medellín. En Turquía, a súa obra está exposta no Museo de Bozcaada e, de maneira permanente, nas ruínas da antiga cidade de Olympos.
É poeta residente en Kaavya Sanje, onde desempeña un papel clave ao levar a poesía ao espazo público mediante recitais, instalacións e obradoiros en parques, escolas oumercados. A súa proxección sociocultural adoita involucrar comunidades diversas (persoas con diversidade funcional, colectivos LGBTQ, de contornos rurais…), sempre en solidariedade coas voces oprimidas e marxinadas.
Pola súa banda, Yamini T. Prabhu naceu en Bombai, e alí iniciou a súa formación musical e primeiros exercicios de escritura. A súa vida desenvolveuse entre distintas cidades e linguas —Moscova, Maastricht, Valencia—, nelas foi estudando piano con figuras como Leonid Sintsev ou Pavel Dombrovsky, obtendo bolsas de perfeccionamento e actuando en escenarios da India, España, Italia, Rusia e Países Baixos.
En 2016 pasou a residir en Galicia e dous anos máis tarde tomou a decisión de se facer galegofalante. Co tempo incorporou á súa práctica musical a palabra e a voz, creando proxectos interdisciplinares como MĀ, o poder do corpo, Voces da Partición ou Non mordas a man que che dá de comer, centrados na memoria, o corpo e a voz colectiva.
Entre 2019 e 2023 foi cofundadora do Samudra Trío, galardoado co Premio Martín Códax da Música, e publicou con Odisea un traballo que explora o diálogo entre tradicións.
Fundamentada dende o corpo, Yamini defende unha pedagoxía antirracista, reflexiva e conscientemente construída en comunidade.
Compaxina a docencia no Conservatorio Superior de Música da Coruña coa súa investigación doutoral na Universidade Politécnica de Valencia sobre música carnática e palabra falada.
A sesión deste luns 17 no Ágora comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade. Tamén será posible seguila a través da canle oficial de Youtube de Poetas Di(n)versos.



