HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación inicia no Salnés unha serie de xornadas de difusión sobre...

A Deputación inicia no Salnés unha serie de xornadas de difusión sobre as vantaxes das comunidades enerxéticas no eido empresarial

- Anuncio -spot_img

A actividade tivo lugar na sede da Mancomunidade do Salnés, en Cambados, no marco da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables da institución provincial

A Deputación de Pontevedra iniciou este mércores en Cambados unha nova serie de encontros comarcais organizados no marco da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables para difundir as vantaxes das comunidades enerxéticas. As charlas están centradas, nesta ocasión, nos beneficios que supón para as empresas constituír ou asociarse a estas entidades para implementar de maneira conxunta un modelo enerxético compartido, sostible e eficiente. Baixo o lema “Fai que a túa empresa aforre enerxía”, o primeiro encontro tivo lugar na sede da Mancomunidade do Salnés, e contou coa participación de representantes do tecido empresarial da comarca.

Durante o encontro, o persoal técnico da Deputación explicou os beneficios das comunidades enerxéticas tanto desde un punto de vista social como económico, xa que impulsar estas entidades contribúe á redución da emisión de gases á atmosfera, a aforrar na factura eléctrica, a aumentar a competitividade ou a estabilizar os prezos da enerxía ao non depender da rede eléctrica e das flutuacións do mercado. Ademais, tamén se lles informou de que aquelas empresas que non dispoñan dunha infraestrutura axeitada para a instalación fotovoltaica poden beneficiarse das instalacións en cubertas de empresas que si conten con elas. Estas, ademais, poden obter unha contraprestación por ceder as súas cubertas ou amortizar as instalacións de maneira automática.

A charla tamén abordou cuestións como as distintas modalidades de articulación das comunidades enerxéticas (asociacións, cooperativas ou S.L.) e as de participación nunha comunidade de autoconsumo fotovoltaico (alugueiro de cubertas con consumo de enerxía, alugueiro de cubertas sen consumo, e consumo de enerxía) así como as distintas actividades que poden poñer en marcha estas figuras e as axudas ás que poden optar tanto en financiamento público como en privado.

A Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables é un proxecto financiado con fondos Next Generation EU situado no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro). Trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade.

Os seus obxectivos concretos son facilitar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable. Para conseguilos, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial.

Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se lles presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Na OTC tamén se realizan informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, así como outros informes de carácter legal e xurídico.

Publicacións Relacionadas