“Cores, Contos e Rock´n´Roll coa Ramona pequena”, de Pakolas, representarase ás 18:00 horas no Auditorio municipal de Catoira; “Máis saaaabor!”, de Culturactiva Producións, farao ás 18:30 horas no Auditorio municipal de Meis; e “O furancho”, de Ibuprofeno Teatro, ás 19:00 horas no Auditorio municipal de Ribadumia
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 16 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Catoira da man do espectáculo infantil “Cores, Contos e Rock´n´Roll coa Ramona pequena”, de Pakolas; ao concello de Meis da man da peza teatral para todos os públicos “Máis saaaabor!”, de Culturactiva Producións; e ao concello de Ribadumia a comedia para público adulto “O furancho”, de Ibuprofeno Teatro. Trátanse de tres actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Cores, Contos e Rock´n´Roll coa Ramona pequena” representarase ás 18:00 horas no Auditorio municipal de Catoira e é un espectáculo para todos os públicos. A interacción coas nenas e nenos, a súa música acompañada por contos e historias, e as cores e debuxos en directo de Laura Romero son o principal atractivo. Pola súa banda, “Máis saaaabor!”, Culturactiva Producións, representarase ás 18:30 horas no Auditorio municipal de Meis e trátase dunha peza cómica de creación propia en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudable. A proposta mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e a participación do público. Finalmente, “O furancho” representarase ás 19:00 horas no Auditorio municipal de Ribadumia e é unha divertida comedia protagonizada por Marián Bañobre e Isabel Risco na que dúas emprendedoras terán que salvar distintos obstáculos para levar a cabo o seu soño de abrir un furancho.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



