- A senda, de 1.300 quilómetros e dividida en 52 etapas, poderá percorrerse desde Ribadeo ata A Guarda, a pé, e de Ribadeo ata Tui, en bicicleta
- A posta en marcha desta iniciativa é a antesala doutras actuacións que está a preparar o Executivo galego de cara ao vindeiro Xacobeo 2027
- Os traballos de deseño e colocación dos sinais indicativos do Camiño do litoral contan cun orzamento de 200.000 euros e as tarefas para acondicionar os distintos tramos e dar continuidade a todo o percorrido suman outros 1,7 millóns de euros
- Ángeles Vázquez salienta que o próximo ano tamén se lanzará a aplicación Conecta litoral para que os usuarios poidan coñecer en cada etapa os elementos de interese cultural, natural ou turísticos existentes na contorna
- A Administración autonómica tamén apostará por adquirir terreos na franxa costeira co fin de convertelos en refuxios e potenciar a súa conservación, na liña do que se está a facer para incrementar a superficie de titularidade pública nos parques naturais, como nas Fragas do Eume
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da antiga sede de Consevera Gallega -fundada pola familia Lafuente en Poio- onde salientou a aposta do Executivo galego por poñer en valor o litoral da comunidade e o rico patrimonio co que conta. Con ese obxectivo, destacou, a Xunta investirá en 2026 arredor de 2 millóns de euros en habilitar o Camiño do litoral, unha senda que una a Galicia costeira de norte a sur na que a cidadanía poida coñecer a fondo a súa riqueza cultural, arquitectónica ou turística.
Esta visita enmárcase no retiro anual do Goberno galego que, nesta ocasión, se celebra no concello pontevedrés de Meis. Na reunión, que se estenderá ata a mañá do domingo, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e o seu equipo farán repaso dos retos e oportunidades que ten por diante a Comunidade Autónoma -como, por exemplo, a xestión das recentemente asumidas competencias sobre o litoral- e porán en común os proxectos nos que están a traballar os diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Rematada a visita, Ángeles Vázquez incorporouse ao inicio das sesións de traballo do Executivo galego.
Durante a súa visita á antiga conserveira, a conselleira subliñou que, tras asumir este ano a xestión plena do litoral, o próximo exercicio vai ser o do enaltecemento e difusión dos seus valores con accións como a creación desta senda que unirá Galicia desde Ribadeo ata A Guarda, a pé, e de Ribadeo ata Tui, en bicicleta.
Ángeles Vázquez avanzou que o compromiso da Xunta é claro coa protección e posta en valor da costa, así como co seu desenvolvemento económico e social, ao que contribuirá este Camiño do litoral, que será o resultado da unión de tramos xa existentes con outros que servirán de conexión co fin de darlle continuidade e estendelos a toda a franxa costeira. Trátase dunha senda que contará con 52 etapas e 1.300 quilómetros e que se converterá na antesala doutras actuacións que está a preparar o Executivo galego de cara ao vindeiro ano Xacobeo (2027).
O fin último é conectar aínda máis o litoral co conxunto da cidadanía galega, para o que se está a deseñar unha guía para a sinalización deste camiño e o procedemento para contratar os diferentes traballos para colocala sobre o terreo, unha acción que conta cun orzamento de 200.000 euros.
A maiores, en arredor do 20% da senda é preciso realizar distintas actuacións para o seu acondicionamento -tales como limpezas ou rozas así como outras de maior calado para unir tramos- que comezarán a comezos do próximo ano e contarán cun orzamento de arredor de 1,7 millóns de euros. A súa execución realizarase de maneira que interfiran o mínimo posible nas diferentes etapas.
Aplicación
Este Camiño do litoral, explicou Ángeles Vázquez, pretende ser un camiño vivo que permita desfrutar, a pé ou en bicicleta, da costa galega, coñecer a comunidade a carón do mar e os tesouros que agocha. Precisamente, con ese mesmo obxectivo de poñer en valor a riqueza natural, cultural, etnográfica ou arquitectónica que se poderá atopar en cada etapa, a Xunta vai unificar nunha aplicación toda a información dispoñible e poraa a disposición do conxunto da cidadanía.
Nesa aplicación -Conecta litoral, que se lanzará tamén o vindeiro ano- estarán incluídas todas as etapas do Camiño do litoral, información sobre os elementos recollidos no Catálogo de bens de interese cultural e na rede de establecementos turísticos da costa, así como outros datos sobre o patrimonio natural -flora e fauna-, para que os usuarios os teñan á súa disposición á hora de iniciar calquera percorrido por esta senda.
Esta ferramenta informática pretende amosar que o litoral de Galicia está vivo e activo e que conxunga esa protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social, un dos piares básicos da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que regula o exercicio pleno das competencias sobre a costa.
Refuxios litorais
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén destacou outra iniciativa que busca avanzar na filosofía dunha costa das galegas e galegos e pensada para eles: a constitución dun Patrimonio Público do Solo do Litoral -unha medida recollida tamén na Loxilga- para ter reservas de solo nas que desenvolver actuacións de iniciativa pública que contribúan a mellorar o medio ambiente, o patrimonio natural e o cultural.
Basicamente mercaranse terreos, concibidos como refuxios do litoral, co fin de potenciar a súa conservación. Esta acción segue a liña do que se está a facer nos parques naturais de Galicia, como as Fragas do Eume, onde a Administración galega adquire fincas aos seus propietarios co fin de restauralas desde o punto de vista natural e medioambiental para aumentar a superficie de titularidade pública.
Estes espazos de titularidade pública destinaranse a accións en beneficio da sociedade con usos compatibles coa protección da biodiversidade pois enmárcanse no compromiso do Goberno galego de manter o equilibrio entre a dinamización da costa e a súa protección e conservación.



