Estas actuacións foron acordadas entre o alcalde e a conselleira de Planificación de Infraestruturas nunha reunión mantida hai un mes na delegación da Xunta, en Vigo. Un encontro no que acordaron que a Xunta acometería as obras da baixada a Ponte Sampaio.
O alcalde de Soutomaior, presentou nesta xornada o proxecto da rúa Rolexio Landeiro e baixada a Ponte Sampaio. Uns traballos que se levarán a cabo coa transferencia da Xunta ao concello de Soutomaior desta rúa, este feito permite ao concello presentar este proxecto, de humanización da rúa Rolexio Landeiro, ao Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra.
Trátase dunha transformación radical dun dos espazos centrais de Arcade. A actual PO264, propiedade da Xunta, é unha rúa que presenta un evidente estado de deterioro, e que ademais, debido ao tráfico de vehículos e ausencia de beirarrúas dignas supón unha hipoteca para o desenvolvemento de Arcade. A actuación proposta implica converter e transformar ese espazo deteriorado nun núcleo urbano acorde á contorna (a ponte de Ponte Sampaio), unha actuación realizada con materiais nobres de pedra e adoquín e conforme se vaia achegando a Arcade vaise a producir unha transición entre o que é a zona histórica e o que é a zona máis moderna con tratamentos urbanos marcados por elementos verdes, plataformas única e mobiliario urbano que favoreza a vida das persoas fronte ao caos do tráfico actual.
Tal e como dixo nesta xornada o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “con esta actuación continuamos coa transformación urbana de Arcade, o noso concello precisa dun modelo urbano que faga que Soutomaior non quede atrás e que nos permita contar con espazos sostibles, agradables nos que a veciñanza poida levar adiante os seus proxectos de vida á vez que se active e se dinamice a economía do municipio”.
O alcalde tamén quixo nesta xornada agradecer o traballo das funcionarios e técnicas, e de todas as persoas que están traballando sen descanso, para sacar adiante esta transformación urbana, na actualidade lembrou “temos na rúa máis de 4 millóns de euros en obras” que están permitindo ao concello iniciar un novo modelo urbano que tal e como concluíu Lourenzo “marcará un antes e un despois na historia de Soutomaior”.



