Celebrarase do 12 ao 14 de decembro e contará co director e actores da película “Rondallas”
O Pazo de Mos acolleu hoxe a presentación oficial do “Rondallas Fest”, un novo festival que fusiona tradición, cultura popular e cinema, e que se celebrará do 12 ao 14 de decembro no propio Pazo de Mos. Trátase dunha proposta que nace da man da rodaxe da película “Rondallas”, do director de cinema Daniel Sánchez Arévalo, inspirada na Rondalla de Santa Eulalia de Mos.
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, do director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, da concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e de representantes das catro rondallas mosenses: Lisardo Conde, da Rondalla Santa Eulalia; María Rey Grandal, da Rondalla do Centro Cultural de Torroso; Nerea Veiga, da Rondalla Santiaguiño de Guizán; e Lorena Castro Davila, directora da Rondalla do Centro Cultural de Herville.
Durante a súa intervención, Nidia Arévalo destacou que “o Rondallas Fest nace para dar un paso máis na posta en valor dunha das tradicións máis queridas e representativas do noso concello, vinculándoa ademais coa creación audiovisual”.
Tralo preestreno da cinta o día 11 de decembro, o programa inclúe tres xornadas cheas de música, cinema e convivencia:
Venres, 12 de decembro:
Inauguración da exposición “Rondallas”, con traxes, instrumentos e imaxes das agrupacións participantes, que permanecerá aberta durante dúas semanas no Pazo de Mos.
Sábado, 13 de decembro
Coloquio sobre a película “Rondallas”, coa participación do director Daniel Sánchez Arévalo e parte do elenco principal, Touriñán, Carlos Blanco e María Vázquez.
Concerto do grupo mosense “Vacaloura Vermella”, liderado por Daniel Burgos, que interpretará temas que crearon para a banda sonora do filme.
Inauguración do Certame de Rondallas, onde a Rondalla de Santa Eulalia de Mos exerce de anfitrioa, e que contará coas actuacións de 18 agrupacións de rondallas da contorna: Mos, O Porriño, , Vigo, Redondela, Tui, Nigrán, Gondomar e Baiona, nunha carpa instalada no exterior do Pazo de Mos.
Domingo 14 de decembro
Obradoiros infantís de creación de instrumentos rondalleiros e chapas.
Sesión vermú e zona gastronómica con food trucks.
Actuacións finais das rondallas participantes, que porán o broche de ouro ao festival.
A alcaldesa subliñou que “este festival é un recoñecemento á nosa xente, ás agrupacións que manteñen viva unha tradición que nos fai únicos e á vez un impulso para seguir proxectando Mos como un referente cultural en Galicia”.
O “Rondallas Fest” conta co apoio do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia, da Xunta de Galicia e nace coa vontade de celebrar e difundir a cultura rondalleira.



