– O proxecto do Concello vai mellorar “radicalmente” a proposta inicial da Xunta que creaba “unha Redondela de primeira e outra de segunda, sen adaptarse ás necesidades da cidadanía”, explica a alcaldesa. O proxecto que agora licita o Concello é completamente uniforme: na pavimentación, no mobiliario urbano e nas zonas verdes desde o centro urbano ata o porto de Cesantes.
– O convenio asinado coa Xunta obriga ao Concello a redactar o proxecto, licitar e executar as obras. Rivas advirte que o acordo incumpre o compromiso previo da Xunta e que o Concello deberá asumir un custo “moi superior ao previsto” para facer a reforma “que os veciños e veciñas de Redondela merecen”.
– A redacción do proxecto licítase por 115.000 euros. As bases para optar á licitación están publicadas na sede electrónica do Concello e as empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 29 de decembro.
O Concello de Redondela licita o proxecto de redacción da avenida Mendiño para o “ acondicionamento, mellora da seguridade viaria e reordenación” desta estrada por un importe de 115.000 euros. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto do Concello vai mellorar substancialmente a proposta inicial da Xunta, “que contemplaba unha Redondela de primeira e outra de segunda, xa que as características da vía non eran as mesmas en todo o trazado, non se adaptaba ás necesidades reais da cidadanía para gozar dun espazo público digno”. Desde o Concello realizouse unha memoria técnica para modificar o proxecto e crear “un espazo público unificado ao longo de toda a avenida no que o cidadán sexa protagonista”. Pola contra, o proxecto que agora licita o Concello é completamente uniforme: na pavimentación, no mobiliario urbano e nas zonas verdes, desde o centro urbano ata o porto de Cesantes. Esta memoria recolle as demandas do Concello, veciñanza e formacións políticas.
“É así como estamos a traballar desde que chegamos ao goberno: cunha visión integral, ordenada e respectuosa coa identidade do noso municipio. A transformación da praza de Ponteareas, do Salgueiral ou a próxima intervención na praza da Petanca son exemplos desta maneira de entender Redondela: mellorar todos os barrios por igual, sen veciños de primeira nin de segunda. Seguiremos avanzando, con proxectos que unan, que modernicen e que poñan ás persoas no centro. Ese é o compromiso deste goberno e ese é o modelo de cidade que queremos para Redondela”.
Rivas lembra tamén que o convenio asinado coa Xunta este verán obriga ao Concello a encargarse da redacción do proxecto, licitación e execución das obras. Tamén obriga a que a titularidade da estrada autonómica se traspase ao Concello. Denuncia a alcaldesa que o convenio “incumpre o compromiso anunciado pola Xunta en 2019, cando anunciaron en Redondela un investimento de 1,6 millóns para a avda. Mendiño”. No convenio a Xunta estima que as obras ascenderán a 1.594.713 euros, dos que o Concello asume o 30% e a Xunta o 70% restante, cun máximo de 1.161.444 euros. O acordo obriga ao Concello a sufragar “todos os gastos das obras que excedan o importe estimado”. Rivas afirma que o custo para as arcas municipais será “moi superior” para poder facer a reforma “que os veciños e veciñas de Redondela merecen”.
A actuación, cun ancho da vía de entre 12 e 15 metros, supón unha superficie duns 21.500 m2. O proxecto vai “redeseñar” todo este espazo público: nova sección de beirarrúas, zonas de aparcadoiro, carrís de circulación de vehículos, rede semafórica, etc. Deseñarase ademais a nova pavimentación. Haberá uniformidade cun mesmo deseño ao longo da totalidade da vía, tendo como punto de inicio o enlace da vía. Avaliarase tamén a escorrentía de pluviais e o seu tratamento e recollida. Incorporaranse zonas con vexetais e arborado “para que resulte un espazo público máis amable e mitigue o cambio climático” para os usuarios da vía. Deseñarase tamén mobiliario urbano e zonas de descanso accesibles.
As bases para optar á licitación da redacción do proxecto están publicadas na sede electrónica do Concello. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 29 de decembro.
Acceso a centros de ensino, deporte e saúde cun tráfico de 7.000 vehículos ao día
A avenida Mendiño, PO-363, unha que une o centro urbano da vila co porto de Cesantes. A vía, cunha lonxitude aproximada de 1 quilómetro, dá acceso a numerosas dotacións municipais, colexios, institutos, pavillóns deportivos, Centro de Saúde, Centro de Maiores e aparcadoiro público, entre outros servizos. Trátase dunha estrada cunha elevada densidade de tráfico rodado e de peóns. Os datos reflicten que a vía soporta uns 7.000 vehículos ao día. A vía presenta actualmente un importante estado de deterioro, especialmente nas beirarrúas e zonas de aparcadoiro “pola falta de mantemento da Xunta nesta estrada autonómica nos últimos anos”, advirte Rivas.



