O exemplar máis antigo da cidade destaca polo seu valor natural e polos estudos que apuntan á súa sorprendente orixe neozelandesa
A votación cidadá abrirase este luns, 17 de novembro, a través da web oficial do concurso
A Coruña aspira a converterse en referente nacional no certame “Árbore e Bosque do Ano en España 2026” coa candidatura dun exemplar único: un Metrosideros excelsa Gaertn, situado na contorna da Policía Local, e que conta con máis de 200 anos de historia e é considerado o exemplar máis antigo da cidade.
A iniciativa, promovida pola ONG Bosques Sin Fronteras, recoñece árbores senlleiras non só pola súa beleza ou tamaño, senón polas historias e vínculos humanos que representan.
A Coruña participa cunha árbore que combina valor natural, singularidade e un relato histórico que esperta interese internacional.
A votación para escoller os exemplares gañadores estará aberta do 17 de novembro ao 17 de decembro a través da web oficial do certame: www.arbolybosquedelao.es. Para que o voto sexa válido é preciso introducir un correo electrónico e confirmalo.
O metrosidero da Coruña impresiona polas súas dimensións: 20 metros de altura, un perímetro de 8 metros no tronco e unha copa de 30 metros de diámetro. Desde hai anos forma parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (código 63A) e destaca tanto pola súa antigüidade como pola súa excepcional presenza no espazo urbano.
Ademais do seu valor natural, o exemplar conta cunha historia que lle engade atractivo e relevancia: diferentes estudos suxiren que esta árbore, de orixe neozelandesa, podería ter sido introducida en Galicia por mariñeiros españois no século XVI. Unha liña de investigación recollida no libro “Nova Zelandia, un puzle histórico”, do escritor e mariño Winston Cowie, propón que esta árbore podería ser unha peza clave para entender o papel da navegación española nas exploracións do Pacífico.
“Este metrosidero é moito máis ca unha árbore: é parte da memoria viva da cidade e un símbolo da conexión entre natureza, identidade e coñecemento. Presentar a súa candidatura é unha forma de poñer en valor o noso patrimonio e de proxectar A Coruña cara fóra cun relato único e cheo de significado. Animamos á veciñanza a participar na votación e a facer que esta árbore leve o nome da Coruña por toda España”, destacou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
A candidatura coruñesa poderá acceder ao certame europeo Tree of the Year, se resulta escollida na fase estatal. Trátase dunha oportunidade para reforzar a imaxe da cidade como referente na conservación do patrimonio natural e na posta en valor do medio urbano como espazo vivo.
A participación cidadá será clave para darlle visibilidade a un símbolo natural único. O proceso é sinxelo: un voto por modalidade e a súa confirmación por correo electrónico son suficientes para que conte no reconto final.



