O Alcalde Jácome está a bloquear o futuro da Praza de Abastos de Ourense por pura obstinación política, e estamos fartos de ver como pon en risco un espazo clave para a cidade. Denunciamos con forza a súa negativa a asumir a responsabilidade municipal e a abrir un proceso de colaboración para completar as obras interiores do mercado.
A rehabilitación exterior da Praza xa está rematada, mais quedan por executar obras fundamentais no interior: instalación de habitáculos, fontanería, electricidade e outros servizos básicos para garantir un funcionamento seguro e digno. Os praceiros e praceiras están dispostos a colaborar economicamente, pero non poden asumir soamente o custo total. Hai recursos e disposición para levar adiante este proxecto, mais a negativa do
Concello impide avanzar nun proceso esencial para garantir que a Praza de Abastos poida funcionar plenamente.
O Concello de Ourense segue bloqueando a negociación e trasladando de forma unilateral a responsabilidade das obras interiores aos praceiros. Esta estratexia non é simplemente “economía colaborativa”: é unha forma de desentenderse do seu deber como goberno local nun edificio de titularidade municipal.
A Praza de Abastos é un símbolo da economía local, onde os praceiros manteñen durante décadas o comercio de proximidade, desde a produción no rural ata os veciños da cidade.
É tamén un punto social e de encontro, parte fundamental da identidade e da memoria colectiva de Ourense. Se se compromete a reforma interior ou se paraliza máis tempo, ponse en risco non só o emprego directo dos praceiros, senón tamén todo o ecosistema económico e cultural que xira arredor da Praza.
Exiximos acción inmediata. Que o Alcalde Jácome abra sen demora un proceso de negociación con todas as partes implicadas; que se firme un convenio que permita completar as obras interiores e garantir un mercado funcional; que o Concello deixe de trasladar as cargas exclusivamente aos praceiros e asuma a parte proporcional que lle corresponde como titular do edificio; e que se comprometa a garantir a estabilidade dos praceiros para que poidan continuar co seu labor nun mercado plenamente operativo.
Como ben afirma o noso voceiro Francisco Diéguez: ‘’É inxustificable que os praceiros, aquelas persoas que manteñen viva a Praza día tras día, queden á marxe deste proceso por inacción política. Ourense non pode perder un dos seus piares económicos e culturais pola cerrazón do Concello.’’
Pedimos a todos os grupos políticos, á sociedade civil e á cidadanía que se impliquen para presionar a Jácome e conseguir que este proxecto saía adiante sen máis dilación.
Ourense non vai renunciar ao seu mercado. Os praceiros non van quedar abandonados.
Xa vale de parálise.



