O Concello e as corais polifónicas organizan esta cita para unha fin de semana melódica
No 22 de novembro festéxase Santa Icía, patroa da música e dos profesionais que practican esta arte. Para enxalzar esta data, a Concellería de Cultura, xunto coas corais polifónicas de Ribeira e do Mercantil, organizan un ciclo de concertos que se desenvolverán no interior da igrexa parroquial de Santa Uxía, polo que tamén se conta coa colaboración da Unidade Pastoral de Ribeira (UPA). A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, na compaña de Alexandre Fontán, director da Coral Polifónica Municipal de Ribeira, e de Antonio Fernández e José Manuel Parada, coñecido como Suco, director e secretario da Coral Polifónica do Círculo Mercantil, foron os encargados de dar conta dos detalles desta cita.
“A música protagonizará a axenda cultural desta fin de semana na que acompañaremos a parte dos nosos músicos que festexan á súa patroa. Teremos a ocasión de desfrutar do talento local, do bo facer de tódolos integrantes das dúas corais polifónicas. E farémolo nun espazo de relevancia como é a igrexa coas súas particularidades acústicas. Quero agradecer, polo tanto, tamén a colaboración da UPA de Ribeira e do párroco don Alfonso Mera por permitir que o templo acolla citas culturais como pasou recentemente coa lectura dramatizada de Don Juan Tenorio e como adoita facerse no Nadal co concerto de confraternidade que tamén protagonizarán ambas corais”, en palabras da edil.
A Coral Polifónica Municipal de Ribeira actuará no venres, 21 de novembro, ás 20.00 horas, como indicou o seu director Alexandre Fontán, baixo o nome de Cántica Sacra II, con trece temas no repertorio, que se diferenciará en dúas partes: cantos á Virxe e contido máis variado. Deste xeito, soarán temas do ano pasado, xunto con novas incorporacións. Ave María, As catro antífonas marianas, Miserere, Christus Vincit ou Himno a Santa Icía son algunhas das propostas musicais. “É un importante salto cualitativo e de valor cultural”, destacou.
E, como sinalou Antonio Fernández, a Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Ribeira fará o propio no sábado, 22 de novembro, ás 20.30 horas, con seis temas como Viento del norte, Peregrino, El mar y Dios ou Salve Rociera.
A entrada a ambos concertos é libre ata completar a cabida do templo relixioso.



