O deputado socialista reclama a dimisión do máximo responsable da área sanitaria de Santiago e advirte de que o novo colapso do CHUS é consecuencia directa das políticas de Rueda, ás que atribúe unha falta de recursos e planificación que afecta de forma estrutural á atención sanitaria en Compostela.
O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, pediu hoxe a dimisión inmediata do máximo responsable da Xerencia sanitaria de Santiago tras o novo episodio de colapso rexistrado esta fin de semana nas urxencias do CHUS.
“Esta fin de semana volvemos a ver unha situación de absoluto colapso das urxencias do CHUS e un drama da sanidade pública galega que non ten outra responsabilidade que o seu máximo representante como é o señor Rueda”, afirmou.
Bouza advertiu de que “mirar cara outro lado ata estas situacións que se están provocando na área sanitaria de Santiago non é máis que deixar tirados aos veciños e veciñas de Santiago” e reclamou “as responsabilidades políticas, a responsabilidade do máximo responsable da xerencia sanitaria de Santiago de Compostela”.
O deputado socialista avanzou que o PSdeG reclamará “as responsabilidades políticas” correspondentes e pediu a dimisión inmediata do responsable da Xerencia sanitaria de Santiago no caso de que non dea explicacións nin actúe. “No caso de que non presente de inmediato a súa dimisión ante estas situacións que se están dando, porque non son únicas, xa levamos desde o verán vendo este colapso das urxencias”, advertiu.
Bouza lembrou tamén as demoras graves no servizo de ambulancias. “Cidadáns e cidadás teñen que esperar máis de 16 horas porque acudan as ambulancias a recollelos”, advertiu, describindo unha situación que “se ve tamén mermada na atención primaria na área sanitaria de Compostela e que provoca que haxa este desbordamento das urxencias a día de hoxe”.
O deputado lembrou que hai apenas dez días o PSdeG levou ao Parlamento esta situación e que a resposta do Sergas foi que se trataba de incidencias estivais. “O Xerente do Sergas nos respondeu que eran casos illados e puntuais do verán”, explicou. Porén, Bouza asegurou que “hoxe podemos volver a ver como non eran nin casos illados nin puntuais. É unha cuestión estrutural, unha falta de planificación da Xunta de Galicia”.
Segundo afirmou, esta falta de planificación “deixa tirados aos veciños e veciñas de Santiago e tamén de toda a área sanitaria de Compostela” e supón “unha sanidade de segunda por culpa deste goberno da Xunta de Galicia que non pon nin os recursos humanos nin materiais”. Bouza lamentou igualmente que tamén o persoal profesional “teña que padecer estas situacións de desbordamento” que afectan “aos seus propios dereitos”.
O socialista concluíu esixindo unha reacción urxente por parte do Executivo autonómico. “Pedimos esa responsabilidade e, por suposto, que se actúe de maneira inmediata por parte da Consellería de Sanidade para que non volva a ocorrer esta situación”, afirmou. “En conclusión, pedimos e esiximos de maneira inmediata que se faga un plan para poder corrixir estas eivas no sistema sanitario de Compostela e na súa área, que, por desgracia, xa podemos constatar que é algo estrutural”.



