A deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, remarcou que con estes recursos “seguiremos reforzando a aposta da Deputación polas familias, por estreitar lazos de convivencia e por construír unha provincia máis inclusiva, onde todas e todos teñan cabida”
O deputado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, subliñou que o incremento inversor en Príncipe Felipe débese “ao compromiso deste goberno provincial por converter estas instalacións nun lugar máis habitable, accesible e seguro, pero tamén máis sostible, innovador e vangardista”
Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano serán máis de 63 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno provincial a Benestar Social e Príncipe Felipe
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 18% os recursos destinados a Benestar Social e Príncipe Felipe, que ascenden no 2026 a preto de 24,3 millóns de euros. Tanto a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, como o deputado delegado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, remarcaron o esforzo inversor do ente provincial para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños da provincia de Pontevedra.
Paula Bouzós subliñou que con estes recursos “seguiremos reforzando a aposta da Deputación polas familias, por estreitar lazos de convivencia e por construír unha provincia máis inclusiva, onde todas e todos teñan cabida”. Pola súa banda, Pablo Castillo enxalzou que o incremento inversor en Príncipe Felipe débese “ao compromiso deste goberno provincial por converter estas instalacións nun lugar máis habitable, accesible e seguro, pero tamén máis sostible, innovador e vangardista”.
A deputada de Benestar Social recordou que para o 2026 os recursos medran en máis dun millón de euros nesta área para chegar aos máis de 7,6 millóns de euros. Deste xeito, Bouzós puxo en valor a posta en marcha dunha nova liña de axudas para que as entidades sociais poidan adquirir vehículos, dotada con 500.000 €. Tamén o incremento dun 20% do programa +Benestar ou de máis de 100.000 € para os programas Provincia Activa, que estará dotado con 250.000 €, ou para a liña de subvencións a entidades de iniciativa social, que subirá aos 600.000 €. Ademais, +Convivencia terá 25.000 € máis que con respecto ao 2025, chegando aos 300.000 €.
Pola súa banda, en Príncipe Felipe, o deputado provincial recordou que para o 2026 os recursos medran en máis de 2,7 millóns de euros, para chegar aos máis de 16,6 millóns de euros. Neste eido, Castillo destacou a obra de mellora de instalacións deportivas, que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros, e os 3,6 millóns de euros dirixidos á mellora da eficiencia enerxética do centro.
Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, estas áreas sumarán un total de 63 millóns de euros: 20,4 millóns de euros para Benestar Social e 43,6 millóns de euros para Príncipe Felipe. Recursos cos que é posible cofinanciar os servizos sociais comunitarios dos concellos, contribuír coas entidades sociais para impulsar proxectos sociais, prestar axudas básicas de emerxencia nos concellos, impulsar actuacións de accesibilidade, fomentar o envellecemento activo, cooperar co desenvolvemento, contribuír á formación das persoas inmigrantes, ou impulsar programas como +Convivencia, +Benestar, Lecer en Familia ou Provincia Activa.



