- Xosé Merelles inagurou esta xornada técnica que se celebra este luns na Cidade da Cultura
- As axudas poden solicitarse ata o 12 de decembro e cubrirán melloras de eficiencia enerxética, dixitalización e de mellora da fachada do litoral
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá na Cidade da Cultura a xornada técnica explicativa das axudas ao embelecemento do litoral na que participaron máis de 30 titulares de establecementos de aloxamento e restauración emprazados en distintas zonas da costa galega. Esta liña de apoio foi convocada o pasado mes de setembro e vén de ampliar o prazo de presentación ata o 12 de decembro.
Durante a súa intervención, o director de Turismo salientou que esta liña dotada con 5M€ vai contribuír ao impulso do Plan do Litoral para fomentar o desenvolvemento da actividade económica da franxa costeira desde o máximo respecto aos aspectos ambientais e sociais. Ademais, subliñou que “esta convocatoria dá continuidade ao Plan territorial de Sostibilidade Turística do Litoral deseñado pola Xunta de Galicia que inclúe distintos plans de sostibilidade turística en destino e distintas acciones de cohesión en destino como estas axudas, entre elas outras axudas convocadas con Fondos Next Generation en 2023 por un importe de máis de 2M€”.
Xosé Merelles animou aos propietaridos de establecementos de aloxamento e restauración a que soliciten estas axudas que tamén perseguen concienciar na necesidad de conservación, “apostando pola súa rehabilitación e destacando o seu valor como reclamo turístico, ai tempo que promoven a xestión sustentable desde os destinos potenciando o territorio litoral”.
Segundo explicaron os técnicos do departamento do Competividade de Turismo de Galicia, están dirixidas a hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, e outras tipoloxías de aloxamento ademais de restaurantes, cafetarías e bares terán ata as 20,00 horas do 12 de decembro para presentar as súas solicitudes.
As axudas inclúen tres liñas de acción, unha de eficiencia enerxética, outra de dixitalización de recursos con potencial turístico e unha terceira de mellora da fachada do litoral galego. Na primeira delas, a de eficiencia enerxética, inclúe a mellora das instalacións de iluminación para reducir o consumo de enerxía dos edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico tanto no que atinxe á iluminación de espazos interiores como á exterior ornamental e aparcadoiros de vehículos ao aire libre.
No que atinxe á liña de dixitalización de recursos turísticos, sufragaranse gastos derivados da transformación dixital, de desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico e tamén de ferramentas dixitais para coñecer o destino antes de visitalo.
Na liña de mellora de fachada do litoral galego, inclúense actuacións de revestimento e/ou pintado, renovación das carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento e remate ou renovación do acabamento exterior de cuberta.
Ademais, tamén cubrirán o revestimento dos muros de peche da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizados con ladrillo ou bloques de formigón e tamén os gastos de elaboración do proxecto de obra e honorarios e custos da dirección facultativa das actuacións.



