HomeO MorrazoMarínJuan de Sola presentará o seu libro “Entre los muros del olvido”...

Juan de Sola presentará o seu libro “Entre los muros del olvido” , unha historia personal e colectiva sobre o horror nazi

- Anuncio -spot_img

O Museo Torres de Marín acollerá este xoves, 20 de novembro, ás 20.00 horas, a presentación do libro “Entre los muros del olvido”, escrito polo xornalista Juan de Sola e que rescata a historia persoal e colectiva dun veciño de Campañó, que sobreviviu aos horrores do campo nazi de Mauthausen.

No acto, ademais do autor, participarán Silvana e María Teresa (Mayte), as dúas fillas de Ramón García Martínez, principal protagonista da historia, e contará coa presentación de Antón Sobral.

Sola narra nesta novela a vida de Ramón García Martínez, un sobrevivente do campo de concentración de Mauthausen. Nacido no pobo de Purchena (Almería), e pontevedrés de adopción, a súa existencia estivo marcada pola loita constante contra a adversidade. O xornalista reconstrúe no volume a súa vida e rescata do esquecemento a memoria persoal e colectiva dun home que foi exemplo de
superación e de loita contra as adversidades. «Aplicou unha aprendizaxe fóra de serie para responder con capacidades positivas ante a máis desventurada das adversidades», comeza explicando o autor do libro.

Tras unha nenez en Almería e a emigración a Barcelona, marchou ao exilio tras loitar no bando perdedor da Guerra Civil española ata que, durante a Segunda Guerra Mundial, é deportado a Mauthausen. Alí, no medio de condicións inhumanas, traballos forzados e sufrimento extremo, Ramón atopa forzas nunha relación sentimental prohibida e nun inesperado reencontro familiar, que lle permiten resistir e manter viva a esperanza. En 1945, tras finalizar o conflito bélico e producirse a liberalización dos campos de concentración, logra converterse nun dos sobreviventes do holocausto. Anos despois de recuperar a liberdade, decide poñer rumbo a Arxentina, onde conecta e acaba sentimentalmente vinculado coa emigración galega nese país.

Juan de Sola

Xornalista especializado en dereitos humanos e autor de varios libros. Na actualidade forma parte de Onda Cero, cadea de radio á que se atopa ligado desde fai case tres décadas e na que coordina espazos como ‘Contraparte’.
Paralelamente, colaborou en diversos medios de comunicación nacionais e internacionais en temas relacionados cos dereitos humanos, inmigración, igualdade ou xustiza social.
Desde o ano 2007 mantén un inquebrantable compromiso con proxectos de cooperación e cambio social en países de América Latina e África. É fundador das Ong Big Radio e Agareso. E, entre outros recoñecementos, recibiu a Medalla ao Mérito Penal por impulsar unha emisora de radio no cárcere da Lama (Pontevedra).

Publicacións Relacionadas