O Hotel Balneario de Laias Caldaria, un establecemento de catro estrelas no concello ourensán de Cenlle, e o OCA Grande Hotel do Pezo, situado na localidade portuguesa de Melgaço, unirán esforzos para ofrecer, como proxecto piloto, o primeiro programa internacional no ámbito do termalismo
O prazo para solicitar e reservar as prazas dispoñibles ábrese mañá mércores ás 10.00 horas
Dous balnearios situados a menos de 50 quilómetros de distancia, pero separados por unha fronteira, permitirán gozar por primeira vez dunha experiencia termal conxunta en dous países da Unión Europea e impulsada pola Deputación de Ourense.
O Hotel Balneario de Laias Caldaria, un establecemento de catro estrelas no concello ourensán de Cenlle, e o OCA Grande Hotel do Pezo, situado na localidade portuguesa de Melgaço, unirán esforzos para ofrecer, como proxecto piloto, o primeiro programa internacional no ámbito do termalismo. A partir de mañá mércores, ás 10:00 horas españolas, abrirase o prazo para solicitar e reservar as prazas dispoñibles nesta iniciativa pioneira.
Rematar o 2025 en Portugal e comezar o 2026 en España
Outro dos grandes atractivos do programa é a súa data: en plenas festas do Nadal. Así, o programa permitirá almorzar o último día do ano 2025 nun balneario de Portugal e facelo o primeiro día de 2026 nun centro termal de España.
A experiencia de combinar instalacións e técnicas termais de dous países
Un dos elementos diferenciadores do programa é a posibilidade de gozar de tradicións e instalacións termais propias de dous territorios.
As persoas participantes recibirán dez técnicas termais e poderán utilizar o circuíto termal portugués, así como as instalacións e piscinas do balneario galego.
Ademais, quen participe nesta iniciativa terá a oportunidade de estrear o OCA Grande Hotel do Pezo de Melgaço, inaugurado hai apenas unhas semanas e situado a escasos metros das históricas termas portuguesas.
Ternadal da Deputación de Ourense e colaboración con Portugal
Para desenvolver esta experiencia termal internacional, o Balneario de Laias ofertará un turno do Programa Ternadal da Deputación de Ourense entre os días 31 de decembro e 3 de xaneiro (3 noites).
Este turno incluirá tamén unha estancia previa do 29 ao 31 de decembro (2 noites) no Balneario de Melgaço.
O prezo global do programa será inferior a 375 euros por persoa en habitación dobre. A estancia de tres noites en Laias será en réxime de pensión completa e incluirá dúas técnicas termais diarias.
Os dous días en Portugal comprenderán a estancia en réxime de media pensión (almorzo e cea) no recentemente inaugurado Hotel do Pezo, con inhalacións e circuítos termais diarios nas instalacións das termas anexas ao novo hotel.
Avaliar os resultados para o seu traslado a programas europeos
A Deputación de Ourense avaliará os resultados desta iniciativa piloto coa vista posta en establecer, en 2026, un programa de termalismo social transfronteirizo apoiado con fondos europeos do Programa Interreg.



