HomeSin categoríaPodemos Ourense propón un ambicioso Plan de Medio Ambiente con demandas á...

Podemos Ourense propón un ambicioso Plan de Medio Ambiente con demandas á Xunta, Deputación e Concello de Ourense

- Anuncio -spot_img

O portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, vén de anunciar nas súas redes sociais, @fgdieguez, a posta en marcha dun Plan de Medio Ambiente co que a formación morada busca fortalecer a prevención e a resposta fronte aos incendios forestais, así como promover un modelo agrario máis sostible no conxunto da provincia.

Diéguez sinalou que os incendios que arrasaron Ourense foron unha auténtica catástrofe, tanto para o territorio como para o seu tecido social e económico. Por iso, desde Podemos Ourense aseguran que loitarán con firmeza para evitar que algo así volva suceder, mediante propostas sólidas, coordinación institucional e unha planificación continua ao longo do ano.

O plan inclúe unha serie de requirimentos dirixidos á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e ao Concello, entre os que destacan:

  • Melloras urxentes nas condicións dos equipos de prevención e extinción de incendios, tanto en medios materiais como en recursos humanos.
  • Contratos de traballo de todo o ano para o persoal destes servizos, evitando a estacionalidade e garantindo unha resposta continua ante o risco de lumes.
  • Reforzo de unidades especializadas, como as UIFO (Unidades de Investigación de Incendios Forestais).
  • Modificación do artigo 22 da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, co obxectivo de actualizar o marco normativo e facelo máis efectivo fronte á realidade actual do territorio.
  • Orientar as axudas da PAC cara á gandaría extensiva e ecolóxica, priorizando sectores como o caprino, o ovino e o equino, fundamentais para o control da biomasa e a xestión sostible do monte.
    Diéguez reiterou que a loita contra os incendios e a protección do medio ambiente “non poden depender de campañas temporais, senón dunha estratexia estable, coordinada e ben financiada”.
    Ademais, destacou que apoiar a gandaría extensiva “é clave para recuperar o equilibrio dos ecosistemas, combater o abandono do rural e reducir o risco de grandes incendios”.
    Podemos Ourense presentará estas propostas ante as administracións competentes e anima ao conxunto da cidadanía a apoiar un modelo de territorio máis seguro, vivo e sostible.

Publicacións Relacionadas