HomeXunta de GaliciaA Xunta presenta en Canarias os proxectos "Enredadas" e "Artesanía no Prato"...

A Xunta presenta en Canarias os proxectos “Enredadas” e “Artesanía no Prato” como casos de éxito de colaboración intersectorial na artesanía

- Anuncio -spot_img
  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na I Convención de Artesanía de Canarias, que se está a celebrar en Tenerife coa participación de diferentes comunidades autónomas
  • Enredadas é un proxecto de diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas, desenvolvido en colaboración coa Consellería do Mar dende o ano 2012 e galardoado co Premio Promociona Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2016
  • Pola súa parte, Artesanía no Prato xorde en 2013 co obxectivo de incoporar a Artesanía de Galicia como soporte dos menús de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras e é finalista na edición deste ano dos Premios Nacionais de Artesanía
  • Fabeiro participou tamén na mesa redonda sobre ‘Tradición e innovación na artesanía’ xunto con representantes das administracións públicas e do sector artesán de Cataluña, Castilla y León e Canarias

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Santa Cruz de Tenerife na I Convención de Artesanía de Canarias, na que presentou dúas das iniciativas que se están a impulsar dende o Goberno galego como modelo de colaboración entre artesanía e outros ámbitos como a gastronomía, a moda ou a decoración. Así, durante a súa intervención Tecendo redes. Proxectos de colaboración intersectorial na artesanía, Fabeiro explicou dúas iniciativas impulsadas pola Xunta como modelo de colaboración para outras comunidades autónomas: Enredadas e Artesanía no Prato.

O evento está impulsado polo Goberno de Canarias co obxectivo de crear un espazo de diálogo e de referencia para o sector, así como de impulsar a innovación, a profesionalización e a sustentabilidade da artesanía canaria. Nas xornadas estanse a presentar experiencias e casos de éxito doutras comunidades autónomas convidadas, coa intención de enriquecer o debate e de abrir novas perspectivas de futuro. Neste sentido, Elena Fabeiro participou tamén na mesa redonda sobre Tradición e innovación na artesanía: estratexias de fortalecemento, xestión comercial e adaptación na era dixital, xunto con Ana María Zurita, directora xeral de industria do Goberno de Canarias, Marina Calls Xart, representante de Promoción e Talento da Área de Artesanía de Cataluña, Félix Sanz Sastre, xerente de FOACAL Federación de Organizaciones Artesanas de Castilla y León, Antonia Rodríguez Delgado, técnica de Artesanía do Cabildo de Tenerife e Juan Andrés Betancort, coordinador da área de artesanía do Cabildo de Lanzarote.

Enredadas

Enredadas é un proxecto de boas prácticas desenvolvido en colaboración coa Consellería do Mar desde 2012 e galardoado co Premio Promociona Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2016. Enfócase en diversificar o oficio tradicional das redeiras artesás galegas, facilitándolles novas oportunidades de negocio en ámbitos como a moda, os complementos e a decoración a través de cursos de formación especializada e continuada-

Os obxectivos de Enredadas son poñer en valor o traballo e o oficio das redeiras, apoiar a diversificación da súa actividade profesional, fomentar a súa estabilidade laboral e incorporar novas profesionais ao sector. Tamén se busca promover a colaboración intersectorial que lles abra as portas a un mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar técnicas e calidade dos produtos. Enredadas impulsa o valor social do oficio, aposta pola sustentabilidade e a economía circular, e apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do proxecto.

Artesanía no Prato

Elena Fabeiro tamén presentou en Canarias o proxecto Artesanía no Prato, unha iniciativa impulsada pola Xunta desde 2013 que busca incorporar a Artesanía de Galicia á gastronomía como soporte dos menús de prestixiosos cociñeiros e cociñeiras. Este ano volve ser finalista nos Premios Nacionais de Artesanía, na categoría Promociona Entidades Públicas. Artesanía no Prato une artesanía e gastronomía, dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local, para que se potencien mutuamente, mellorando a experiencia sensorial e achegando singularidade e exclusividade. A través da gastronomía, Artesanía de Galicia chega a públicos que valoran a autenticidade das pezas, mentres os cociñeiros dispoñen de soportes artesanais deseñados para axustarse ás súas necesidades e destacar o que queren comunicar en cada prato.

En 2023, para reflectir dez anos de colaboración entre profesionais da artesanía e da gastronomía, a Xunta editou o libro Artesanía no Prato. A edición ampliada de 2025 inclúe fotografías de Stephane Lutier sobre pratos de 15 restaurantes galegos e pezas de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia, especializados en cerámica, coiro, madeira, cestería, pedra, olería tradicional, vidro e coitelaría. A publicación recolle tamén tres casos exitosos de colaboración, entre eles o da ceramista Ana Tenorio co chef Pepe Solla.

Publicacións Relacionadas