Podemos Ourense lamenta publicamente a falta absoluta de resposta do Concello ás propostas rexistradas hai meses para frear a escalada do prezo do alugueiro e activar medidas urxentes fronte á gravidade da situación residencial que atravesa a cidade. A día de hoxe, o goberno municipal nin contestou nin amosou intención ningunha de asumir as súas responsabilidades nesta crise.
A formación lembra que a solicitude para declarar Ourense como zona de mercado residencial tensionado —unha ferramenta prevista na Lei estatal de Vivenda para limitar subas abusivas no alugueiro— continúa sen ser avaliada nin tramitada polo Concello, malia o aumento sostido dos prezos e a crecente dificultade das familias para acceder a unha vivenda digna.
Esta falta de iniciativa municipal súmase, segundo Podemos Ourense, á inacción prolongada da Xunta de Galicia, que segue sen poñer en marcha políticas eficaces para ampliar o parque público de vivenda na provincia. “Ourense é unha das cidades con máis vivendas baleiras e, con todo, a Xunta continúa mirando para outro lado mentres centos de fogares soportan unha carga económica insoportable”, sinalan.
O portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, foi claro:
“É incomprensible que nin o Concello nin a Xunta actúen ante unha emerxencia habitacional evidente. Non lles faltan ferramentas nin competencias; o que falta é vontade política e compromiso coa cidadanía. A vivenda non pode seguir tratándose como un negocio para uns poucos, senón como un dereito que hai que garantir.”
Podemos Ourense considera “irresponsable e inadmisible” que ningunha das dúas administracións dea pasos firmes para abordar este problema estrutural. A organización lembra que existen medidas legais e fiscais xa dispoñibles, como o incremento do IBI ás vivendas baleiras ou programas de mobilización de inmobles, que poderían activarse de inmediato.
“Seguiremos esixindo accións reais e non escusas”, conclúe Diéguez, quen adianta que Podemos permanecerá vixiando e presionando institucional e socialmente ata que se adopten solucións efectivas abordando personarse personalmente ante a Xunta de Galicia para que actúe de maneira contundentemente.



