Alumnado de oito centros educativos de Nigrán protagonizou unha sesión plenaria especial adicada a reflexionar sobre os dereitos dixitais
O Concello de Nigrán celebrou esta mañá o ‘Día Mundial da Infancia’ cunha sesión plenaria especial protagonizada polos nenos e nenas do municipio e cos seus dereitos dixitais como eixo temático deste ano. Así, un total de 18 alumnos procedentes de 8 centros educativos (IES Proval, IES Val Miñor, CEIP da Cruz, Carlos Casares, Humberto Juanes, CPI Arquitecto Palacios, Ángel de la Guarda e CEE Juan María) actuaron como ‘concelleiros’ da localidade co alcalde, Juan González, e a edil de Educación, Estela Pérez, como interlocutores por parte do goberno local.
Este foi o acto central do Concello coincidindo no día exacto da efeméride, mentres que mañá venres unha representación de 7 membros da ‘Xeración Xa!’ (o Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello, que tamén estivo representada no Pleno por dúas crianzas) acudirá xunto ao alcalde e a concelleira de Educación ao Parlamento de Galicia coa misión de participar tamén nunha sesión similar con voceiros de consellos de toda a comunidade.
Este ano Unicef propuxo a todas as ‘Cidades Amigas da Infancia’ que para esta data os seus órganos de participación infantil reflexionasen baixo o lema ‘Enciende tus derechos digitales’. Así, para esta sesión plenaria, dous voceiros por cada centro educativo expuxeron as súas inquedanzas e demandas ao respecto. Neste sentido, houbo consenso unánime entre eles en que as crianzas precisan recibir formación para poder navegar seguros por internet e tamén os seus proxenitores para entender como protexelos. Así, a súa maior preocupación centrouse na facilidade de acceso a contidos inapropiados, polo que demandaron mecanismos efectivos de control da idade e, por outra banda, tamén se amosaron moi intranquilos co engadido negativo que supoñen as redes sociais nos casos de ‘bullying’, polo que consideran necesaria a existencia dun educador especialista en cada centro educativo.



