HomeOurenseOurenseO Concello apela á colaboración dos condutores para respectar os límites de...

O Concello apela á colaboración dos condutores para respectar os límites de velocidade na cidade e evitar multas

- Anuncio -spot_img

Pena Trevinca, con límite a 30 km/h por normativa estatal, destaca amplamente como a rúa onde máis infraccións detectan os novos radares

O Concello de Ourense fai un chamamento á colaboración das persoas condutoras para respectar os límites de velocidade na cidade, coa finalidade de avanzar na pacificación do tráfico, garantir a seguridade viaria e evitar a imposición de sancións.

O pasado venres, 21 de novembro, ás 00:00 horas, activáronse os novos radares instalados polo Concello para controlar a velocidade en diferentes puntos da cidade. Actualmente, están operativos cinco cinemómetros fixos e un móbil, que xa impoñen as correspondentes sancións polas infraccións detectadas, e está previsto que nos vindeiros días entren en funcionamento os outros dous que completarán a rede de control.

Tras a análise das primeiras xornadas de funcionamento, o Concello detectou que a rúa Pena Trevinca destaca significativamente como o punto onde se está a cometer o maior número de infraccións. Trátase dunha vía na que, atendendo á normativa estatal, o límite de velocidade está fixado en 30 quilómetros por hora.

Por este motivo, o Concello solicita a condutores e condutoras que reforcen a atención ao circular por esta zona, onde se atopa ademais un colexio, e adecúen a súa velocidade ao sinalizado. O goberno municipal insiste en que o fin último destes dispositivos é fomentar a seguridade viaria, e convida os condutores a evitar as multas respectando os límites de velocidade.

Publicacións Relacionadas