A artista presentará a súa xira ‘Será por flores’ acompañada de máis dunha decena de convidadas e convidados de luxo, grazas ao patrocinio do Concello de Pontevedra
O Concello de Pontevedra e o Culturgal presentaron hoxe o concerto inaugural deste xoves, día 27, no Pazo a Cultura a cargo da artista Uxía Senlle, que abrirá o evento coa súa xira “Será por flores”. Será a partir das 21.00 horas e de balde até completar cabida.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou que este concerto é “realmente especial porque será único nesta xira e porque vai a ter convidadas que farán que sexa un concerto único”.
Pola súa banda, o responsable do Culturgal, Camilo Franco, quixo expresar o seu agradecemento tanto a Uxía “por querer estar no Culturgal” como ao Concello. Franco subliñou que é un “agasallo do Concello para Culturgal”, o que lles permite empezar este ano “ao grande”. Engadiu que a colaboración permite “sumar a Uxía á programación extensa de Culturgal e demostrar que o Culturgal tamén está pola música”.
A propia artista, Uxía Senlle, reiterou o seu agradecemento “ao Concello de Pontevedra e ao Culturgal por facer posible que presente Será por flores aquí, en Pontevedra”. Cualificou a Pontevedra como “unha boa vila” que sempre a acolleu “marabillosamente”, lembrando as súas experiencias como Cantos na Maré.
A celebración tamén serve para conmemorar os seus 40 anos de carreira. A xira “Será por flores” pretende ser “un percorrido por aquelas cancións máis emblemáticas” do seu repertorio. Estará “en boa compañía”, xa que o concerto contará con convidadas moi especiais e unha banda dirixida por Pablo Noboa.
Entre as convidadas/os especiais que farán deste un concerto único están:
- As de Vacas.
- Antía Muíño.
- Joao Afonso.
- As Mosas.
- Raquel Domínguez.
Uxía concluíu que “Será por flores nace coa vontade de celebrar e de compartir”. A festa quere ser unha benvida e unha “declaración de intencións” de que o Culturgal é “un espazo onde nos xuntamos para vivir a cultura, para compartila e para reivindicar o seu papel fundamental na nosa sociedade”.



