HomePontevedraO PP propón dotar a Pontevedra do I Plan Estratéxico contra a...

O PP propón dotar a Pontevedra do I Plan Estratéxico contra a Soidade non Desexada nas Persoas Maiores

- Anuncio -spot_img

• Silvia Junco: “Desde o Concello deben impulsarse medidas efectivas para mitigar o envellecemento da poboación, xa que en 10 anos haberá o dobre de persoas xubiladas que menores de idade”.

• A edil popular presenta unha moción que busca “combater o illamento social” mediante iniciativas de envellecemento activo, adhesión ao programa “Xantar na casa” da Xunta e a creación dunha Mesa Municipal sobre soidade non desexada

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco presentou unha moción para instar o Goberno local do BNG para iniciar os trámites para elaborar o I Plan Estratéxico Municipal contra a Soidade non Desexada, co obxectivo de combater o illamento social das persoas maiores da cidade.

A proposta do PP de Pontevedra inclúe medidas como a creación dunha Mesa Municipal para abordar a soidade non desexada, o impulso de redes de apoio ao tecido asociativo local, o fomento das redes de voluntariado, a adhesión do Concello á Rede Mundial de Cidades Amigables coas Persoas Maiores e a posta en marcha de programas de envellecemento activo en centros culturais e instalacións deportivas do termo municipal.

Así mesmo, os populares propuxeron adherirse ao programa autonómico “Xantar na casa” e instalar aparellos de gerontogimnasia en parques do centro urbano, os barrios e as parroquias do rural.

Junco destacou que este plan estratéxico debe concretar “medidas orientadas a previr, detectar e reducir os casos de soidade non desexada, fortalecer as redes de apoio e fomentar a participación social”. Actualmente, segundo os últimos datos do padrón municipal, en Pontevedra residen soas 4.378 persoas maiores de 65 anos, o que representa un 23,73% deste grupo de poboación.

Ademais, a cidade do Lérez figura xa entre os 52 concellos máis envellecidos da provincia e as previsións apuntan a que perderá un 22% da súa poboación menor de 20 anos na próxima década. “En 10 anos haberá o dobre de xubilados que menores de idade, polo que non podemos perder nin un minuto máis na loita contra a soidade non desexada. Como a administración máis próxima ao cidadán, o Concello debe impulsar medidas para mitigar este fenómeno social”, destacou a edil popular.

Por último, a concelleira incidiu en que a sensibilización social esixe estratexias e políticas que involucren a toda a comunidade: “O Concello debe asumir un papel activo e poñer en marcha iniciativas transversais para abordar esta problemática”, concluíu.

Publicacións Relacionadas