HomePontevedraPoioA Xunta adxudica por case 3,3 m€ as obras para optimizar a...

A Xunta adxudica por case 3,3 m€ as obras para optimizar a rede de saneamento do concello de Poio

- Anuncio -spot_img
  • As actuacións encargadas inclúen a execución dun depósito de retención de auga e a renovación ou adecuación das infraestruturas de bombeo existentes na contorna
  • Grazas ás melloras que se introducirán no sistema, incrementarase a capacidade de recollida e tratamento das augas

A Xunta, a través de Augas de Galicia, acaba de adxudicar por un importe de case 3,3 millóns de euros (IVE incluído) as obras para levar a cabo distintas actuacións que permitirán optimizar o funcionamento da actual rede de saneamento municipal de Poio (Pontevedra).

Entre as actuacións incluídas no contrato -cun prazo de execución de 18 meses- destaca a execución dun depósito de retención de auga previo ao bombeo da Seca e integrando este depósito na nova instalación. A maiores, vanse renovar as estacións de bombeo de augas residuais (EBAR) de Porto Campelo e Mirador e completarase a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.

En concreto, a obra central será o tanque de tormentas da Seca, unha infraestrutura clave para optimizar todo o sistema xa que a súa función é almacenar as primeiras augas de chuvia, que son as que arrastran toda a sucidade acumulada nas rúas e no asfalto, e evitar así que estas se alivien directamente ao medio natural.

Coa execución do conxunto de actuacións e melloras previstas na rede incrementarase a capacidade de recollida e tratamento das augas e contribuirase á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento sostible da contorna.

Cómpre lembrar que esta obra se poderá levar a cabo grazas ao convenio de colaboración subscrito a finais do ano pasado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Poio, cunha vixencia prevista ata o ano 2027 e posibilidade de prórroga posterior. Segundo o compromiso acadado por ambas partes, Augas de Galicia achegará o 90% do investimento necesario para executar as obras -unha achega cofinanciada pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027)- e o 10% restante corresponderá ao Concello de Poio.

Esta actuación, ademais, é un bo exemplo do compromiso de colaboración técnica e económica de Augas de Galicia coas entidades locais (que son a administración competente en materia de abastecemento, saneamento e depuración) para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

De feito, o orzamento do organismo hidráulico para o ano 2026 sobe un 5,5%, ata acadar os 151,7 millóns de euros, e reservará 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento —108,7 millóns— e case a metade —73,6 millóns—, a mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas que garantan o acceso da cidadanía a estes servizos.

Publicacións Relacionadas