A asociación ambiental AMABUL dirixirá unha pequena charla ás 11:30 horas no Muíño de Porto do Molle para, a continuación, saír ao río Muíños a identificalas e retiralas
A tradescantia será a gran protagonista ao constituír a maior ameaza para a biodiversidade autóctona, xa que se estende como unha gran alfombra polas ribeiras dos ríos galegos
O Concello de Nigrán ofrece a mañá deste sábado 29 de novembro (11:30 horas no Muíño de Porto do Molle) unha charla de identificación de flora exótica invasora no bosque de ribeira a cargo da asociación ambiental Amabul para, a continuación, saír ao río Muíños a retirala. O total da xornada, centrada fundamentalmente na tradescantia, a gran planta invasora desta zona, estenderase durante aproximadamente dúas horas, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse con roupa e calzado axeitado e luvas.
Desde o ano 2017, Amabul ven realizando o seguimento da evolución das plantas exóticas invasoras nas ribeiras do río Ulla. Froito deste traballo, no ano 2020 nace o proxecto Erradicadescantia, ao albiscar o desmesurado grao de invasión provocado pola EEI Tradescantia fluminensis (herba da fortuna) nas ribeiras do río Ulla, ocasionando unha substancial perda da diversidade vexetal autóctona do bosque de ribeira, debido a que esta especie con facilidade forma alfombras monoespecíficas impedindo o progreso das plántulas de diversas especies nativas (como o Narcissus cyclamineus) reducindo ou anulando a chegada da radiación solar.
Na actualidade, Amabul está tratando de eliminar de xeito manual unha mancha de aproximadamente 5 quilómetros lineais na marxe dereita do río Ulla ao seu paso polo concello de Vedra que, de non incidir con urxencia sobor ela, pronto porá en perigo a rexeneración natural das especies autóctonas.



