O deputado de Turismo Rías Baixas, Jesús Vázquez Almuíña, presentou este luns no Teatro Capitol esta acción promocional enmarcada nos obxectivos de desestacionalización e descentralización do destino
O deputado de Turismo Rías Baixas, Jesús Vázquez Almuíña, presentou este luns no Teatro Capitol de Madrid unha das accións que está a poñer en marcha a Deputación de Pontevedra para avanzar na desestacionalización e a descentralización do destino Rías Baixas. Desde hoxe e durante toda a semana, ata o día 30 de novembro, a Deputación proxectará na Gran Vía de Madrid —un dos mercados emisores clave de visitantes— os materiais da campaña Cando volves? preto de 2.000 veces coincidindo cun momento do ano no que o interese xeral por realizar viaxes ou escapadas curtas comeza a incrementarse.
Vázquez Almuíña, que no acto estivo acompañado polo alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, sinalou que “queremos acadar unha gran notoriedade, e para iso non podíamos ter escollido outro lugar que non fose este enclave emblemático da cidade como é a Gran Vía, unha das arterias principais, máis transitadas e máis recoñecidas da capital do país”. Trátase dun lugar caracterizado por un fluxo constante de visitantes, residentes e turistas nacionais e internacionais, cunha elevada densidade peonil e un carácter comercial e de ocio “que a converten na zona idónea para captar o interese dun público amplo e diverso”, sinalou o deputado.
O anuncio da campaña Cando volves? visualizarase preto de 2.000 veces entre as 7 da mañá e a 1 da madrugada, con especial intensidade na xornada deste luns, e unha estimación de máis dun millón de impactos potenciais. “O noso obxectivo é conectar cos espectadores e reforzar a asociación das Rías Baixas como un destino para as persoas interesadas en propostas culturais, gastronómicas e de ocio, uns segmentos que están aliñados coa identidade e a oferta turística do noso destino”, sinalou Almuíña. Neste sentido, ademais de aumentar a visibilidade do destino, “queremos inspirar ás persoas a realizar escapadas fóra da temporada alta poñendo en valor a riqueza paisaxística, enogastronómica e cultural da provincia de Pontevedra”.
A campaña Cando volves? está centrada no interior da provincia de Pontevedra como un gran descoñecido para o gran público. Rodouse en 40 localizacións de 23 concellos do interior pontevedrés para presentar unha viaxe colectiva de hospitalidade, de afecto, de sostibilidade e equilibrio territorial identificándoos como algúns dos principais atributos da provincia. Ao longo do año foi recoñecida en festivais de audiovisuais turísticos celebrados en Xapón, Sudáfrica, Estados Unidos, España, Francia e Grecia.



