HomePontevedraAberto o prazo para participar no concurso de Decoración de Nadal en...

Aberto o prazo para participar no concurso de Decoración de Nadal en prazas e rúas

- Anuncio -spot_img

O II Memorial Gonzalo Gondar premiará a vivenda mellor adornada e a proposta máis creativa e orixinal con sensibilidade ambiental

O Concello de Vilaboa vén de lanzar unha nova edición do Concurso de Decoración de Nadal, dirixido a toda a veciñanza do municipio. Esta iniciativa, que leva por título II Memorial Gonzalo Gondar, busca fomentar un ambiente festivo baseado na cooperación, a creatividade e o uso de materiais reciclados, promovendo ao tempo os valores locais e o espírito comunitario.

A participación é individual e está aberta a todas as persoas residentes en Vilaboa que realicen a súa montaxe decorativa en espazos públicos ou privados dentro do termo municipal: barrios, rúas, parques ou lugares comúns. As decoracións deberán estar relacionadas co Nadal e os seus motivos tradicionais, con liberdade total en canto á técnica e estilo.

As inscricións poderán formalizarse entre o 24 de novembro e o 15 de decembro, ben no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h), ou a través do correo electrónico info@vilaboa.org. As bases completas e os formularios están dispoñibles na páxina web municipal (www.vilaboa.org). Para participar, será necesario presentar como mínimo tres fotografías da decoración realizada.

As montaxes decorativas deberán permanecer expostas entre o 9 de decembro de 2025 e o 8 de xaneiro de 2026, permitindo a visita libre da veciñanza durante ese período. Cada participante será responsable da montaxe, desmontaxe e mantemento dos elementos decorativos.

O xurado estará composto por representantes do Concello, incluíndo o alcalde ou persoa en quen delegue, membros dos partidos con representación municipal e persoal técnico asesor. As visitas de valoración realizaranse entre o 10 e o 17 de decembro, tendo en conta criterios como o deseño, a orixinalidade, a iluminación, o uso de materiais reciclados e a promoción dos valores locais.

Establécense dúas categorías de premios especiais Gonzalo Gondar:

  • 1º Premio: á vivenda mellor adornada, que recolla o espírito de vivir e sentir o Nadal (valorado en 200 €).
  • 2º Premio: á proposta máis creativa e orixinal, con sensibilidade ambiental e calidade estética (valorado en 150 €).

Os premios entregaranse antes do 23 de decembro. A participación no concurso supón a aceptación das bases e a cesión dos dereitos de imaxe das decoracións ao Concello para fins divulgativos.

Con esta iniciativa, Vilaboa reafirma o seu compromiso coa participación cidadá, a sustentabilidade e a posta en valor das tradicións locais, construíndo un Nadal máis acolledor, creativo e comunitario.

Publicacións Relacionadas