- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o director da Amtega asinan o convenio co secretario de Estado de Xustiza
- A iniciativa enmárcase na aplicación da Lei de eficiencia do servizo público de Xustiza
- Diego Calvo insiste no compromiso de traducir o Sistema de Xestión Procesual Atenea ao galego o antes posible, dado que o Goberno central o transfire unicamente en castelán
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, asinaron hoxe co secretario de Estado de Xustiza, Manuel Olmedo, o convenio para a incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas que permitan seguir avanzando na dixitalización da xustiza en Galicia.
Segundo o acordo, o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes comprométese a transferirlle á comunidade solucións como o Sistema de Xestión Procesual (Atenea); a Carpeta Xustiza, como canle única de relación dixital coa cidadanía; o Sistema de Información do Rexistro Civil (DICIREG); o Escritorio Virtual de Interacción Dixital (EVID); o servizo de Cita Previa; LexNet, ferramenta de comunicación entre órganos xudiciais e operadores xurídicos; ou o Hub de Interoperabilidade de Xustiza, incluíndo a documentación e para o suposto que non sexa unha solución en modo servizo, a cesión do código fonte e executables. A maiores, asume tamén a formación a formadores.
Pola súa banda, a Xunta comprométese ao desenvolvemento dos esquemas de tramitación e documentación xurídica que sirva de soporte para o desenvolvemento dos sistemas de información nas linguas cooficiais españolas neste territorio, ademais da tradución dos elementos da interface do sistema xestión procesual.
No que respecta á plataforma Atenea, ten entre as súas principais novidades a capacidade de ser soporte aos esquemas de tramitación e documentación xurídica en galego e castelán, a diferencia da predecesora, Minerva. Diego Calvo lamentou que o Ministerio entregue esta ferramenta exclusivamente en castelán e teña que ser o Goberno galego quen asuma os custes da tradución desta solución de titularidade estatal. Neste sentido, o conselleiro insistiu no compromiso da Xunta en poñer a plataforma en galego á disposición do persoal da Administración de Xustiza o antes posible.
Plan Senda 2025
Cómpre lembrar que a Xunta está xa a avanzar na dixitalización da xustiza a través do III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, con actuacións que permiten asegurar a adaptación aos últimos cambios normativos, así como garantir unha maior axilidade, eficiencia, seguridade, proximidade e calidade do servizo prestado pola administración de xustiza a cidadanía. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos.
Nesta liña, o convenio asinado hoxe, enmarcado na implantación progresiva do novo modelo de Oficina Xudicial e Tribunal de Instancia establecido na Lei de eficiencia do servizo público de Xustiza, permítelle a Galicia seguir avanzando cara á plena Xustiza Dixital 2030 e cumprir os fitos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.



