O Concello de Ponteareas clausurou esta fin de semana a oitava edición do ciclo de teatro amador Tea Trea, unha proposta cultural xa consolidada que volveu demostrar o enorme interese do público polo teatro local. Ao longo de dous meses, máis de 4.000 persoas pasaron polo patio de butacas do auditorio municipal Reveriano Soutullo, enchendo practicamente todas as funcións programadas.
Nesta edición participaron oito grupos de teatro, sete deles pertencentes ás parroquias do municipio e un convidado. Os colectivos que integraron o cartel foron: Pena de Equilibrio, Noite Meiga (grupo convidado), A Comuna, Pedra do Cabalo, Bambolina33, Todos Xuntos, Os Serodios e Ponte Caneiro, que completaron un programa diverso no que non faltaron comedia, retranca, crítica social e creación comunitaria.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, puxo en valor o éxito desta nova edición e subliñou “o compromiso e o talento dos grupos participantes, que amosan que Ponteareas é un viveiro artístico de primeiro nivel”. Carrera destacou tamén que iniciativas deste tipo reforzan o papel da cultura como espazo de encontro: “O Tea Trea é unha plataforma que visibiliza o traballo local e que permite á cidadanía gozar do seu tempo libre sen ter que desprazarse a outras vilas. Apostamos todo o ano por unha programación variada e accesible, conectando o talento propio co doutros lugares para conseguir ese triple enriquecemento: para o público, para as iniciativas locais e para os grupos que nos visitan”.
Pola súa parte, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou o seu agradecemento ás compañías participantes e celebrou a excelente acollida desta oitava edición: “Queremos felicitar a todos os grupos polo seu esforzo e dedicación. O éxito de público confirma que esta iniciativa é xa un referente cultural en Ponteareas. Seguiremos a colaborar e a buscar alianzas con outras administracións e entidades para ampliar e enriquecer a oferta cultural do noso concello”.
O Concello de Ponteareas sinala que xa se traballa na próxima edición, coa vontade de continuar reforzando un ciclo que se ten convertido nun punto de encontro imprescindible para o teatro amador e para o público que ano tras ano responde cun apoio masivo.



