O Concello recibe o distintivo que premia anos de traballo e compromiso cos dereitos da infancia e da adolescencia.
A Laracha vén de ser recoñecida por UNICEF como Cidade Amiga da Infancia, galardón que o Concello acada por primeira vez e que representa un importante fito no camiño emprendido para poñer ás nenas, nenos e adolescentes no centro das políticas municipais. Neste ano só dous concellos galegos recibiron a distinción, o que reforza o valor e o impacto do traballo desenvolvido no noso territorio.
O recoñecemento supón un aval ao modelo de xestión municipal relativo á participación infantil e á defensa dos dereitos da infancia a través de accións continuadas e estruturadas. A consecución deste distintivo certifica que A Laracha avanzou de maneira firme na aplicación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA), a folla de ruta que guía a estratexia municipal nesas materias.
Durante os últimos anos, o PLIA consolidouse como un instrumento chave para impulsar políticas públicas que teñan en conta as necesidades reais dos máis novos. Un exemplo destacado é o Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes (EPIA), que continúa a medrar e a desenvolver iniciativas relevantes. Entre elas destaca a presenza na semana pasada no XIII Foro UNICEF celebrado no Parlamento de Galicia, onde o grupo puido expoñer as súas visións e contribucións sobre os dereitos da infancia, demostrando a súa implicación activa e o compromiso municipal por escoitarlles e darlles voz. Tamén formaron parte en outubro do IV Encontro galego de participación infantil e adolescente celebrado en Nigrán. E o martes 2 de decembro ás 11:30 horas celebrarase na Casa da Cultura da Laracha o segundo Pleno Infantil municipal.
O Concello celebra este recoñecemento como un éxito colectivo, resultado da implicación da administración local, das familias, da comunidade educativa, das entidades sociais e, especialmente, da propia infancia e adolescencia, que co seu esforzo e ideas contribuíron a definir un municipio máis máis inclusivo e preparado para construír futuro.
O acto público de entrega do distintivo ás novas entidades locais recoñecidas como Cidades Amigas da Infancia terá lugar o 9 de decembro en Madrid, nun evento organizado por UNICEF España.
O Concello inicia agora unha nova etapa coa responsabilidade e a ilusión de seguir avanzando e consolidando políticas que favorezan o benestar, a participación e os dereitos de todos os nenos, nenas e adolescentes do municipio.



