HomeA CoruñaO goberno municipal de Ribeira anuncia un orzamento para o presente ano...

O goberno municipal de Ribeira anuncia un orzamento para o presente ano de máis de 29 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa e a concelleira de Facenda presentaron a proposta

 O documento busca equilibrar a situación económica das arcas municipais

O executivo local de Ribeira presenta un orzamento de 29.756.460 euros para o presente exercicio do 2025 nun acto de “responsabilidade aprobar as contas para este ano, dado o gasto executado”; un documento que, pese a quedar pouco de ano, “é preciso para equilibrar o gasto executado co ingreso, aprobar a oferta pública de emprego e dar cobertura a proxectos a executar”, segundo explica a alcaldesa, María Sampedro, polo que se debaterá nun Pleno extraordinario da Corporación a celebrar no 26 de novembro, ás 20.00 horas.

O documento redúcese un 5,88% respecto do 2024, pois, segundo apunta a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, o anterior incluía no Capítulo 9 un endebedamento superior aos 2,6 millóns de euros, mentres que no do 2025 non se contempla endebedamento.

A proposta orzamentaria do goberno municipal “é necesaria para dar cobertura a todo o gasto executado e posibilitar inversións en marcha”, manifesta a edil, quen indica que o debate deste documento chega a finais de ano debido ao desequilibrio existente entre gastos e ingresos. Dáse cumprimento, ademais, ao Plan Económico Financeiro (PEF), a regra de gasto, os obxectivos de estabilidade e o nivel de endebedamento.

Dentro do Capítulo 6 de inversión, o documento recolle as previsións para dar cobertura ás perdas de subvencións de 47.856 euros de reforzo da liña eléctrica do futuro polígono industrial, ao non terse executado a tempo a actuación inversora no pasado ano.

Ademais, recóllese a contía de 57.000 euros coa finalidade de dar cobertura a perda de subvención de fondos europeos para a remodelación da praza do Centenario, xunto con 9.619 euros para reintegro da subvención pola redacción do proxecto na senda do río Saíñas. “Nesta última trataremos de buscar alternativas para que non se perdan os fondos”, declara Sampedro.

Así mesmo, a dedicación a melloras nos colexios ascende aos 70.000 euros, reforzarase a iluminación pública con 60.000 euros, mellorarase a rede de saneamento e abastecemento con 120.000 euros e 213.000 euros para a execución do novo parque infantil na praza do Centenario. Así, este orzamento recolle un total de 2.667.849 euros en actuacións inversoras.

Capítulos de maior peso económico

Tal e como sinalaron a rexedora e a edil, o Capítulo 2 é un dos que maior peso ten dentro dos orzamentos con 14.881.954 euros, representando o 50%, ao corresponderse con bens e subministros, é dicir, servizos básicos para a cidadanía como o tratamento de augas residuais, a xestión dos residuos sólidos, a limpeza viaria ou o abastecemento de auga potable.

Tamén é significativo o Capítulo 1, de gastos de persoal, cunha asignación de máis de 9.490.922 euros, no que se inclúe sacar a licitación o contrato de riscos laborais e recoñecementos médicos.
“Fixemos un gran esforzo para poder sacar adiante o orzamento e poñer as contas ao día e comezar o ano 2026 facendo un novo proxecto”, remarca Sampedro.

Reforzo de partidas económicas

Outros dos asuntos a tratar na sesión plenaria será o suplemento de crédito extraordinario de 1.749.277 euros a través do remanente de Tesourería cos que liquidar obras en marcha e pagar facturas pendentes. A mandataria local e a concelleira destacaron o desembolso na partida de Festexos, que supera os 100.000 euros do consignado no presuposto do 2024. Tamén se habilita unha partida de máis de 500.000 euros para ultimar a construción do Centro de Deportes Náuticos e 300.000 euros para mantementos en vías públicas, tanto do núcleo urbano como das parroquias. Deste xeito, as pavimentacións de estradas municipais contará cunha inxección económica de case medio millón de euros sumando a atribución a este partida no orzamento para o 2025 para pavimentacións e pintados de seguridade viaria.

En canto ás sentencias xudiciais sobre as expropiacións das parcelas do futuro polígono industrial que ascenden a 300.00 euros, dos cales 180.000 euros van con cargo ao suplemento de crédito.

Bonos AmaRibeira

A maiores, o Pleno extraordinario tamén versará sobre a aprobación de crédito extraordinario por valor de 130.000 euros para a posta en marcha dos bonos AmaRibeira, por un importe de 100.000 euros, e para o bombeo para poñer en marcha o saneamento na rúa
 Muralla, en Aguiño, por 30.000 euros.

Publicacións Relacionadas