HomePontevedraDezaAlejandro Álvarez, Mellor Condutor de Autocares 2025, un traballador vocacional e formado...

Alejandro Álvarez, Mellor Condutor de Autocares 2025, un traballador vocacional e formado ao que lle gusta a ruta porque non hai monotonía e lle permite viaxar

- Anuncio -spot_img
  • ESTE PROFESIONAL DE 30 ANOS, QUE DESENVOLVE A SÚA ACTIVIDADE NA EMPRESA AUBESA, GAÑOU NAS CATEGORÍAS DE MUNDO, EUROPA E ESPAÑA
  • NA COMPETICIÓN, CELEBRADA NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICAI ABANCA, PARTICIPARON PRETO DE 70 CONDUTORES E CONDUTORAS DE DISTINTOS PUNTOS DE ESPAÑA E PORTUGAL

O lucense Alejandro Álvarez Méndez, alzouse o pasado sábado no marco da feira ExpoBus Iberia como Mellor Condutor de Autocares 2025 nas súas tres categorías, Mundo, Europa e España. Este profesional, que desenvolve a súa actividade na empresa Aubesa, enfrontouse nesta competición a preto de 70 condutores e condutoras procedentes de distintos puntos de España e Portugal.

Con 30 anos de idade e natural de Becerreá, foi merecedor do triplo título tras unha gran participación na que sorprendeu ao xurado na inmensa maioría de probas pola súa habilidade, suavidade e precisión, como na de altura, na que fixo un cálculo con soamente un centímetro de diferenza, ou a de aparcamento, na que conseguiu o máximo de puntos posibles por realizado de xeito moi preciso. Todo iso coa dificultade engadida de ser un dos participantes que realizaron a proba de noite. Unha proba pola que o xurado, composto por técnicos e formadores da empresa TECE, cualificouno como un “magnífico condutor”.

Independentemente da súa excelente actuación na inmensa maioría de probas, o que resultou máis complicado a Alejandro foron as de altura e anchura, mentres que o que máis lle gustou foi o slalom, porque foi “moi entretido”.  Unhas probas que tanto el como o resto de participantes realizaron nun circuíto deseñado especialmente para iso situado no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA e en vehículos da marca MAN equipados coa tecnoloxía e seguridade máis avanzada do mercado.  Esta firma de autobuses foi o patrocinador principal da competición, mentres que o Sindicato Libre de Transporte (SLT) e Proformatrans foron patrocinadores destacados.

Este condutor, que participaba este ano por primeira vez, considera a súa participación “unha experiencia máis, enriquecedora, moi interesante e para contar”. Non puido acudir a recoller o premio por estar traballando, pero recibiu a noticia por parte da organización do concurso con “sorpresa e moita ilusión”. Foi a súa compañeira en Aubesa, Ainhoa Valledor, quen recolleu o premio no seu nome.

Un condutor vocacional

Nun momento no que os condutores de autobuses escasean, Alejandro Álvarez é un deses profesionais vocacionais ao que sempre lle gustou este sector. Cun grao superior de formación profesional en Administración e Finanzas e titulación universitaria en Relacións Laborais e Recursos Humanos, ademais do título de Xestor de Transporte, este lucense compatibilizou os seus estudos coa realización de roteiros escolares en autobuses de ata 17 prazas entre os 21 e 24 anos. A esta idade, a permitida para conducir xa autobuses de máis de 17 prazas, comezou a facer roteiros con autobuses de grandes dimensións.

Alejandro traballa en transporte discrecional, facendo roteiros por toda España de entre 5 e 8 días, nos que a miúdo se atopa en situacións complicadas porque en moitos pobos non hai sinalización ou os accesos son estreitos, o que, seguro, lle valeu para obter tan boa puntuación no concurso. O que máis lle gusta do seu traballo é que “non hai monotonía, semana a semana vas cambiando de lugar” e tamén que lle permitiu coñecer “moita xente” e “moitos, pobos, cidades e países”, xa que tamén realizou circuítos por Europa. Estes último é un dos aspectos que máis valora porque é un “apaixonado de viaxar” e mesmo os sitios que máis lle gustan nas súas viaxes os “ficha” para logo volver coa súa parella e poder coñecelos con calma. Así mesmo, destaca que isto lle “abre a mente a diferentes culturas e costumes”, tamén dentro de España, na que, di, “temos unha gran riqueza”, con lugares moi diferentes entre si, como “pequenos países dentro dun mesmo país”.

Por outra banda, para este profesional o máis duro é que é un traballo de “bastantes horas, con xornada moi extensas”, o que explica que “non se anime moita xente a este sector” e que sexa un traballo “vocacional, se non, non o levarías ben”.

Contento co galardón de Mellor Condutor de Autocares 2025 nas súas tres categorías, Alejandro, chancea que o premio ben podería ser algún dos autobuses expostos na feira.

Publicacións Relacionadas