HomePontevedraA ‘pinza’ de PSOE e PP tomba a moción coa que BNG...

A ‘pinza’ de PSOE e PP tomba a moción coa que BNG de Vigo esixía máis recursos contra a violencia machista

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista critica a falla de compromisos da Xunta de Galiza e do Concello para o reforzo das políticas e dos servizos públicos destinados á atención e protección das mulleres

Entre as medidas rexeitadas, a demanda de máis medios no CIM de Vigo, crear dous novos centros en Teis e Coia, un programa de apoio ás vítimas e despregar o prometido Plan municipal para a abolición da prostitución

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) afea que a ‘pinza’ do PSOE e do PP impedise aprobar a súa moción no Pleno de Vigo para esixir máis recursos na loita contra a violencia machista. Os votos en contra de socialistas e populares, na sesión celebrada este luns, tombaron a iniciativa nacionalista que demandaba do Concello e da Xunta de Galiza un reforzo das políticas e dos servizos públicos destinados á atención e protección das mulleres.

A concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, considerou o rexeitamento de PSOE e PP como unha “demostración máis da falla de compromisos” de ambas administracións no combate do machismo. Lamentou que, diante do aumento da violencia contra as mulleres e do auxe dos discursos negacionistas, os Gobernos local e galego insistan en seguir recortando os fondos e privatizando os servizos en lugar de convertelo nunha “prioridade”.

“O BNG reivindicamos máis feminismo, máis recursos e máis servizos públicos”, resumiu Martínez, quen defendeu que “negar a violencia machista é violencia machista”, lema da campaña do Bloque este 25N. A concelleira nacionalista cargou tamén contra a precariedade e privatización dos servizos públicos de atención ás vítimas, asegurando que estas políticas son un “obstáculo” para avanzar nesta loita.

Medidas rexeitadas

Así, a moción do BNG rexeitada recollía a demanda de aumentar a contribución da Xunta de Galiza no Centro de Información á Muller (CIM) de Vigo, dotándoo de traballadoras a xornada completa, así como crear dous novos centros nos barrios de Teis e Coia, en colaboración co Concello de Vigo, para aumentar a capacidade de acción actual e achegar este servizo a todas as mulleres da cidade.

Martínez referiuse tamén á decisión de Goberno de Rueda de privatizar os centros de crise 24 anos que, afirmou, nunca debeu ser privatizada. “A loita contra a violencia machista non pode estar en mans de empresas multiservizos; a protección e o acompañamento das mulleres vítimas de violencia machista non pode ser un negocio nin unha fonte de lucro”, defendeu.

A nivel municipal, a iniciativa do Bloque reclamaba incrementar os recursos dedicadas a campañas de sensibilización contra a violencia machista, a posta en marcha dun novo Programa municipal de Apoio ás Vítimas e despregar o prometido Plan para a abolición da prostitución, anunciado pola concelleira de Igualdade en setembro de 2024.

A concelleira do BNG pediu a PSOE e PP que escoiten o “clamor” do movemento feminista para “pasar dos discursos aos feitos” na loita contra a violencia machista. A ese respecto, chamou na sesión plenaria a unha participación masiva das viguesas e vigueses na manifestación convocada este martes 25 de novembro, con saída ás 20 horas dende Vía Norte con Urzáiz.

__Moción Saída Sur__

En relación á moción relativa á Saída Sur, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, censurou o “atrevemento e cinismo” do grupo popular lembrando a responsabilidade do PP cando liderou o Goberno estatal en que a conexión de alta ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, “estratéxica e irrenunciábel para a cidade”, non sexa hoxe unha realidade.

Igrexas tachou de “ousada” a iniciativa dos populares vigueses que, ironizou, parece ir en contra da súa “verdadeira xefa madrileña, Isabel Díaz Ayuso”, en referencia ás afirmacións da presidenta madrileña de que a prioridade era a conexión entre Lisboa e Madrid. “Declaracións que nin o presidente da Xunta nin ningún representante do PP de Vigo se atreveron a pedir unha rectificación”, subliñou.

O portavoz nacionalista asegurou que esta responsabilidade é “partillada tamén por outros Gobernos estatais do PSOE”, a quen lle reclamou cumprir cos compromisos coa cidade e con Galiza. “Se hai un horizonte 2030 ligado á Saída Sur é porque foi unha das condicións do BNG para subscribir o acordo de investidura de Pedro Sánchez”, defendeu.

O Bloque formulou unha emenda á moción, rexeitada polo grupo popular, que incluía medidas concretas para mellorar as conexións por tren de Vigo fronte ao que tachou de “simples reproches e peticións de desculpas que non valen para nada” do texto popular. “O PP só pode presumir de incumpir con Vigo sempre que tomaron decisións ao marxe das escenificacións que fan hoxe”, afeou.

A proposta do BNG instaba ao Goberno español a adoptar as medidas necesarias para alargar a oferta de frecuencias dos trens rexionais e de Media Distancia e mellorando os seus horarios e puntualidade; reducir os prezos de billetes e garantindo a continuidade das bonificacións para alén do 31 de decembro de 2025; mellorar substancialmente o Tren Celta) tanto en frecuencias como en material rodante; efectivizar o compromiso de poñer en marcha antes de 2027 dunha rede de tren de cercanías na área de Vigo; e garantir a posta en marcha da Saída Sur) no horizonte do ano 2030 así como axilizar a conexión directa entre Vigo e Madrid. 

Publicacións Relacionadas