O texto lembra que 32 mulleres foron asasinadas este ano en España polas súas parellas, dúas delas en Galicia
Con este motivo, o campus acolle tamén unha exposición de alumnado da escola Antonio Faílde, organizada coa colaboración do Concello e Uvigo
O Concello de Ourense sumouse hoxe á celebración do 25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, cun acto institucional que se desenvolveu no salón de plenos. A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, deu lectura á “Declaración institucional contra a violencia, contra quen maltrata e contra quen a nega ou relativiza” aprobada pola FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) con motivo desta celebración. Ao acto acudiron representantes de diferentes grupos políticos municipais, entidades, forzas e corpos de seguridade, e integrantes do Consello Municipal e da Comisión de Igualdade.
“Os concellos e deputacións galegas somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres”, sinala o manifesto.
Lembra que en 2025, 32 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas, dúas delas en Galicia. Ademais, tres menores foron asasinados en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 dende 2003. E o último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial advirte dun incremento do 5% nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.
Por todo isto, indica o declaración, “hoxe e cada día do ano, a Federación Galega de Municipios e Provincias manifesta a súa máis rotunda condena ante todas as formas de violencia contra as mulleres. Condenamos cada acto, cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela”, expón. “Esta violencia é un crime contra os dereitos humanos que nos empobrece como sociedade”.
Exposición de alumnado da Escola de Arte e Deseño Antonio Faílde
Os actos continuaron ás 13.00 horas no edificio Xurídico Empresarial do campus de Ourense, coa inauguración dunha exposición do alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, organizada coa colaboración do Concello e a Universidade de Vigo.
A exposición explora, a través dun único corpo simbólico, as múltiples violencias que afectan ás mulleres: estruturais, psicolóxicas, sexuais e obstétricas. Un relato visual que busca visibilizar, denunciar e defender a resistencia de todos os corpos disidentes.



