• A mostra reúne numerosas frases elaboradas polo alumnado de primaria dos centros de ensinanza.
‘Non ao medo a entrar na casa’, ‘xa non máis dor’ e ‘por todas as mulleres asasinadas no mundo. Contra a violencia de xénero’. Esas son, unicamente, algunhas das frases poden lerse no monumento en honor ás vítimas de violencia de xénero dos xardíns Valle-Inclán. Detrás destes traballos, que forman parte da exposición Zapatos vermellos, atópase o alumnado de primaria do CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras e do CEP Plurilingüe Pilar Maestu Sierra.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, agradeceu a implicación dos rapaces e rapazas e do profesorado nunha iniciativa “coa que buscabamos reinterpretar a obra da artista mexicana Elina Chauvet”. A edil lembrou a historia da autora, que quixo lembrar á súa irmá, vítima de violencia de xénero, “colocando uns zapatos vermellos baleiros. Baleiros pero cheos de significado porque representan a unha muller que, hoxe, non pode estar aquí”. A responsable da área de Igualdade animou á rapazada a adoptar pequenos cambios como “tratar ben ás demais persoas, respectar as diferenzas e axudar a quen estea triste”, incidindo en que estes “poden cambiar o mundo”.
Durante a actividade de hoxe, os escolares puideron gozar, ademais, da actuación musical Crisálida, de Trémola Teatro. A función está protagonizada por unha eiruga que soña con percorrer o mundo e que aprende a desprenderse do que lle impide avanzar. Tratouse dunha peza entretida e divertida que convidou á rapazada a reflexionar sobre valores de igualdade e de transformación persoal.
Zapatos vermellos é unha das actividades que forman parte do programa que o Concello puxo en marcha para conmemorar o 25N. De feito, os xardíns Valle-Inclán acollerán hoxe, ás 19.00 horas, unha concentración diante do monumento en honor ás vítimas.
A programación concluirá mañá, mércores 26 de novembro, con dúas novas propostas para os máis novos: o Túnel das voces , unha instalación inmersiva para o estudantado do IES da Pobra do Caramiñal e un scape room contra a violencia de xénero para o alumnado do CPR Divino Maestro. Ambas actividades estarán impartidas por Koremi.



