A través dun vídeo guionizado e gravado no centro educativo, a Área de Igualdade da institución provincial pretende visibilizar como as novas formas de violencia machista aparecen en espazos dixitais a través de comentarios, controis disimulados, mensaxes invasivas ou contidos que normalizan actitudes
A Área de Igualdade continuará nas próximas semanas coa difusión da campaña nos centros educativos da provincia, así como nas canles dixitais da Deputación, para promover unha mensaxe colectiva: “A violencia machista tamén está nas redes. Non a viralices”
A Deputación de Ourense, a través da Área de Igualdade, presentou hoxe a campaña institucional do 25N – Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha acción dirixida ao alumnado de secundaria centrada na prevención da violencia machista nas redes sociais. A actividade tivo lugar no Colexio Sagrado Corazón de Celanova, onde foi proxectado o vídeo creado especificamente para esta edición, baixo o título: “O machismo, a storie que non se debería viralizar”.
Durante o acto, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou que “a vosa xeración ten un papel decisivo: cada like, cada comentario e cada historia que subides constrúe cultura. E se algo debe facerse viral, que sexa o respecto e a igualdade”. Tamén quixo agradecer ao alumnado e equipo docente do Colexio Sagrado Corazón de Celanova o traballo realizado de guionización do vídeo que é o eixo central desta campaña provincial.
Pola súa banda, a deputada de Igualdade, Teresa Barge, subliñou a importancia de “identificar as novas formas de violencia que nacen no móbil e que ás veces pasan desapercibidas. O 25N constrúese tamén dende cada decisión que tomades nas redes”.
A Deputación de Ourense aposta este ano por unha campaña centrada na prevención temperá e na educación en igualdade, promovendo recursos e accións que axuden ao alumnado a detectar sinais de control, presión ou violencia emocional que se producen no ámbito dixital.
A Área de Igualdade continuará nas próximas semanas coa difusión da campaña nos centros educativos da provincia, así como nas canles dixitais da Deputación, para promover unha mensaxe colectiva: “A violencia machista tamén está nas redes. Non a viralices.”
A campaña pretende visibilizar como as novas formas de violencia machista aparecen hoxe en espazos dixitais, especialmente entre a mocidade, a través de comentarios, controis disimulados, mensaxes invasivas ou contidos que normalizan actitudes machistas baixo aparencias de “amor”, “celos” ou “humor”.
Un vídeo elaborado con alumnado para reflexionar
O vídeo, gravado no propio centro educativo en colaboración cos estudantes, recrea situacións cotiás: mensaxes de control por WhatsApp, comentarios ofensivos nas redes sociais, vídeos viralizados con contidos tóxicos ou presión social para aceptar comportamentos que non son amor, senón violencia.
A través de distintos escenarios no patio, na aula e nas plataformas dixitais máis utilizadas pola mocidade —WhatsApp, Instagram e TikTok— a peza aborda ideas clave como: “Non son celos, é control”; “nas redes tamén se normaliza a violencia machista”; “non fai falta un golpe para que doa”; “non é só un comentario”
A mensaxe final “Fai viral o respecto. Fai viral a igualdade” invita ao alumnado a reflexionar sobre o poder que teñen na difusión de contidos e na creación de contornas dixitais seguras e igualitarias.



