- Ángeles Vázquez fai fincapé na importancia de que a cidadanía conte con información clara e precisa que contribúa a un consumo sostible neste eido, sobre todo, en épocas nas que é previsible un gran volume de compras
- As novas etiquetas informan, entre outras cuestións, sobre a dispoñibilidade de pezas de recambio co que aumenta a probabilidade de que sexan reparados en vez de substituídos, reducindo así a xeración de refugallos
- A conselleira subliña que Galicia está no bo camiño neste eido xa que no ano 2024 a recollida de aparellos electrónicos domésticos medrou máis dun 8%, o que permitiu elevar a taxa de cumprimento de obxectivos da Comunidade ata o 67,31%
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, valorou hoxe a nova etiquetaxe de teléfonos móbiles e tablets como ferramenta clave para avanzar cara a un consumo responsable e a redución de residuos.
Durante a súa visita á tenda Bermello, en Ourense, con motivo da Semana europea de prevención de residuos, a conselleira fixo fincapé na importancia de que a cidadanía conte con información clara e precisa que contribúa a un consumo sostible neste eido, sobre todo, en épocas nas que é previsible un gran volume de compras.
Nese senso, a nova etiquetaxe obrigatoria na Unión Europea e en vigor desde o pasado mes de xuño inclúe datos sobre a durabilidade e reparabilidade dos dispositivos, así como sobre as súas características técnicas que permiten comparar diferentes modelos segundo criterios ambientais.
En concreto, as novas etiquetas, que deben estar visibles no embalaxe ou na ficha técnica do dispositivo, informan sobre a súa durabilidade, polo que ao prolongar a vida útil dos aparellos reducen a xeración de residuos electrónicos. Este obxectivo de redución vese complementado cos datos sobre a dispoñibilidade de pezas de recambio e a facilidade da desmontaxe, xa que con esa información aumenta a probabilidade de que sexan reparados en lugar de substituídos.
A maiores, Ángeles Vázquez tamén incidiu en que o coñecemento sobre compoñentes e desmontaxe facilita en gran medida o último elo da cadea, que é a súa reciclaxe eficiente, recuperando metais e materiais valiosos, o que reduce a necesidade de novas extraccións de materias primas e, polo tanto, a dependencia duns recursos naturais moi valiosos.
E na liña da reciclaxe dos residuos de aparellos electrónicos e eléctricos (AEE), a conselleira avogou tamén pola concienciación e sensibilización da cidadanía á hora de depositar estes refugallos nos puntos de recollida habilitados. Cómpre lembrar que, tanto para os residuos de orixe doméstica como para os profesionais, os lugares habilitados para a súa entrega son os puntos limpos, os establecementos de distribución de AEE e a rede de produtores.
Segundo indicou a conselleira, Galicia está no bo camiño neste eido xa que no ano 2024 a recollida de AEE domésticos medrou máis dun 8%, o que permitiu elevar a taxa de cumprimento de obxectivos da Comunidade ata o 67,31%.
Nese senso, Ángeles Vázquez tamén salientou o papel de establecementos como a tenda Bermello, e apelou á súa profesionalidade e responsabilidade para informar ás persoas consumidoras sobre a correcta interpretación da nova etiquetaxe dos dispositivos, as opcións de reparación dos aparellos e a recepción daqueles destinados á reciclaxe.



