HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuisa Sánchez chama a combater a violencia machista con recursos públicos sólidos,...

Luisa Sánchez chama a combater a violencia machista con recursos públicos sólidos, unha xustiza que protexa e persoas que non miren cara outro lado

- Anuncio -spot_img

Durante o seu discurso no acto central polo 25-N, advertiu que as institucións “teñen a obriga de actuar e non fallar”, polo que instou a “revisar procesos”, e que “a sociedade madura cando entende que a indiferenza non é neutralidade, senón complicidade”

A presidenta da Deputación en funcións salientou o aumento dos fondos destinados a igualdade, que crecerán un 7% en 2026 para chegar aos 6M€ desde o inicio do mandato

A responsable de violencia de xénero da Unidade Adscrita ao Corpo Nacional de Policía, María Jesús Pires, leu un manifesto antes da estrea do anuncio da campaña deste ano

A presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Luisa Sánchez, chamou este 25 de novembro a combater a violencia machista con recursos públicos sólidos, unha xustiza que protexa e persoas que non miren cara outro lado.

Durante o discurso que pronunciou no acto central celebrado no Pazo Provincial co gallo do 25-N, recordou que ás institucións teñen “a obriga de actuar e de non fallar”, polo que instou a “facer autocrítica e revisar procesos” para protexer do mellor xeito posible ás mulleres. Un obxectivo que, segundo defendeu, pasa por unha “coordinación real” entre os diferentes órganos e estamentos do país, incluído o xudicial. “Non podemos permitir lagoas nin baleiros”, advertiu.

Así, subliñou o incremento do 7% que recolle o orzamento anual da Deputación de Pontevedra de cara a 2026 para destinar 1,8 millóns de euros a políticas de igualdade, reforzando programas de prevención, apoiando a concellos pequenos para que ningunha muller quede sen atención, acompañando as vítimas con profesionalidade e humanidade, e apostando por unha cultura que eduque no respecto.

Ademais, lembrou que o actual goberno provincial incrementou un 12% as bases de subvencións no actual mandato e, contando co orzamento elaborado para o vindeiro ano, prevé dedicar preto de 6 millóns de euros ao fomento da igualdade. “Imos seguir ampliando estas políticas, porque a igualdade non admite pausas”, apuntou.

Por outra banda, celebrou os avances sociais acadados nunha provincia cada vez máis concienciada contra os diferentes tipos de violencias machistas e salientou que “a sociedade madura cando entende que a indiferenza non é neutralidade senón complicidade”.

“Avanzamos desde as administracións públicas pero tamén desde a rúa. Desde cada barrio, cada escola, cada empresa, cada familia. A violencia machista combátese cando un amigo interpela a outro, cando un pai educa ao seu fillo no respecto, cando un rapaz aprende que os límites existen, cando un veciño decide non calar”, aseverou.

Neste senso, Luisa Sánchez incidiu en que a violencia machista “non é un problema privado nin doméstico” senón “un problema estrutural, social e político” que “non se corrixe só con minutos de silencio”. “Ningunha muller nace pensando que a súa vida será unha loita. Pero se a vida se converte en loita, que nunca sexa unha loita en soidade. Que atope institucións que a protexan, contornas que a sosteñan e un país que a respecte”, resumiu.

Así, a presidenta en funcións renovou o compromiso da Deputación para loitar contra a violencia de xénero e “construír vidas que poidan ser vividas con liberdade: as nosas vidas, as das que nos precederon e as das que virán”. “Que este 25-N sexa memoria, firmeza e esperanza. E que mañá sigamos construíndo esta provincia, onde vivir en igualdade non sexa un soño nin un lema, senón unha realidade cotiá”, concluíu.

Campaña e manifesto

Neste acto central da Deputación polo 25-N procedeuse á lectura dun manifesto, que correu a cargo de María Jesús Pires Juncal, responsable de violencia de xénero da Unidade da Policía Adscrita do Corpo Nacional de Policía.

Ademais, estreouse o anuncio da campaña deseñada polo organismo provincial para 2025, un audiovisual que pon o foco nos comportamentos machistas instalados no cotián e, polo tanto, máis difíciles de detectar. Tras a estrea, a Deputación de Pontevedra difundiu o anuncio a través das súas distintas canles institucionais.

Co gallo do 25 de novembro, a Deputación lanzou este ano a campaña ‘O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo?’, co obxectivo de poñer unhas lentes con perspectiva feminista e ter unha mirada axeitada sobre a violencia de xénero.

Publicacións Relacionadas