- Félix Juncal, alcalde da vila, apelou á “unión de toda a sociedade para mostrarnos radicalmente intolerantes coa violencia de xénero”
- O alumnado de 4º da ESO incidiu no auxe das violencias e do control a través das redes sociais e remataron co berro de “Basta xa!”
- Este mes arrancaron os obradoiros de autoestima para mulleres, cunha proposta arredor da arte como forma de expresión, e tamén houbo formación para o persoal municipal e cine
- Este mércores, da man da Libraría Miranda, presentarase o libro “Outono, a muller sen nome” de Paula Castro ás 19.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar
A Praza do Concello de Bueu acolleu este martes, 25 de novembro, os actos polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, nos que o alumnado de 4º da ESO do IES Johan Carballeira foi protagonista coa lectura dunha declaración conmemorativa na que puxeron o foco sobre as novas formas de violencia e control cara ás mulleres que se exercen dende as redes sociais.
O acto celebrouse diante da Casa Consistorial coa presenza de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e de concelleiros e concelleiras da corporación municipal, ademais do alumnado de centros educativos da vila, persoal municipal e cidadanía. Ao inicio, Juncal apelou á “unión de toda a sociedade para mostrarnos radicalmente intolerantes coa violencia de xénero” ao tempo que louvou “o traballo extraordinario dos centros educativos da nosa vila” e fixo mención ao nomeamento da nova fiscal xeral “quen esperemos que nos axude a deixar atrás este pasado e presente tan tristes”.
Despois do minuto de silencio na memoria das 38 mulleres e nenas asasinadas pola violencia machista neste ano, o alumnado do Johan Carballeira comezou coa lectura dun texto reivindicativo no que se puxo de manifesto que a violencia segue de actualidade, pero adoptando outras caras, como e a exercida dende as redes sociais.
Os catro alumnos e alumnas comezaron explicando que “a violencia contra as mulleres non xorde da nada senón que nace da desigualdade social, e só se erradicaría cando homes e mulleres teñamos os mesmos dereitos e oportunidade”. Incidiron de forma especial nas redes, o que dá lugar ao “machismo dixital”, e en que “a violencia de xénero ten maior impacto nas mulleres migrantes que se enfrontan a barreiras idiomáticas e outras”.
Precisamente, a educación e a concienciación son os dous piares sobre os que se sustentan as accións da concellaría de igualdade e do Centro de Información ás Mulleres.
Máis actos polo 25N
Seguindo coas propostas para reflexionar, o Centro Social do Mar acollerá este martes pola tarde, ás 19.00 horas, a proxección de curtametraxes “Somos ponte en movemento”, unha actividade da Coordinadora galega de ONGD e a Deputación de Pontevedra para público familiar na que poderán participar tamén nenos e nenas de seis nenos en diante, pois a idea é ver os filmes e despois xerar un coloquio arredor de temáticas como os dereitos humanos, dereitos da infancia, as migracións, os feminismos ou as loitas sociais.
A Libraría Miranda tamén pon o seu gran de area e organizará o 26 de novembro pola tarde a presentación do libro Outono, a muller sen nome, de Paula Castro. Esta historia
conta a historia dunha muller, que se enfronta á violencia de xénero pero tamén á violencia vicaria, xudicial e social, múltiples formas de opresión que intentan quebrar o seu espírito.
Tamén o 28 de novembro, o IES Illa de Ons acollerá o obradoiro “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, impartido por Pantallas Amigas e centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital (ciberviolencia, grooming, sexting…).
O programa estendeuse ao longo do mes con outras propostas, como é o obradoiro de autoestima para mulleres arredor da arte como forma de expresión, que continuará ata decembro, e que terá outras propostas entre febreiro e abril cos talleres “A música e a palabra para o benestar” e “Rir para vivir: a risa como camiño de benestar”, que se imparten cos fondos do Pacto de Estado pola Violencia de Xénero.
No apartado de formación, a pasada semana tiveron lugar unhas xornadas para o persoal do Concello arredor do Plan de Igualdade e Protocolo de prevención de acoso laboral e sexual.
E o Cineclub Bueu proxectou o venres o filme “Soy Nevenka” de Icíar Bollaín, no que se conta a historia de Nevenka Fernández, de 24 anos, concelleira de facenda no Concello de Ponferrada, quen no ano 2000 sofre unha persecución tanto sentimental como profesional por parte do alcalde e decide denunciar.



