➡️ O GOBERNO MUNICIPAL XESTIONOU NO QUE VAI DE ANO 4,5 MILLÓNS DE EUROS, UNHA CIFRA RÉCORD QUE CASI TRIPLICA O ORZAMENTO INICIAL PARA 2025.
O Pleno da Corporación Municipal aprobou cos votos a favor do PPdeG, a abstención do PSOE e o voto en contra de IPR, os orzamentos municipais para o ano 2026 que acadarán a cifra histórica de 1.828.400 euros e que supoñen un incremento de 52.730 euros (un 3% máis) con respecto ao vixente de 2025.
Segundo explicou o alcalde, o equipo de goberno xestionou no que vai de ano 4,5 millóns de euros, unha cifra récord que casi triplica o orzamento inicial para este exercizo que é de 1,7 millóns de euros.
Carrera salientou que se mantén o equilibrio orzamentario, a norma de gasto e a eficiencia das contas do Concello mantendo con solvencia os servizos públicos municipais e pagando aos provedores nunha media de 9,5 días unha vez presentada a factura. Tamén anunciou que se diminuiu en máis de 66.000 euros os créditos operativos do Concello e reducirá a carga financeira para o 2026 ao 2,67%.
O alcalde sinalou que os orzamentos eran “unha ferramenta viva que sabemos de onde partimos, pero nós non renunciamos a incrementar o investimento e os servizos para a veciñanza todo canto máis poidamos grazas ás xestións que facemos e ás horas que botamos para conseguir todo o que conseguimos, petando en todas as portas e presentando proxectos sen esquecer o trato persoal cos nosos veciños”.
David Carrera informou que na recta final de ano hai máis de 1,2 millóns en proxectos que se están executando ou que se están licitando “o que dá boa idea do alto nivel de xestión e consecución de investimenos e recursos que conseguimos noutras administracións para A Lama como a Xunta ou Deputación. E así seguiremos polo ben do noso concello”, indicou o alcalde.
Finalmente, sinalou Carrera que para o ano que vén, incrementaranse as partidas destinadas á atención aos nosos maiores, sobre todo o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e tamén se seguirá apostando pola educación de calidade apoiando ao colexio e tamén ás asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio a través da subvencións nominativas que se dan cada ano.



