HomeA CoruñaA Xunta estuda a retirada da barreira artificial da Lagoa da Frouxeira...

A Xunta estuda a retirada da barreira artificial da Lagoa da Frouxeira de cara a facilitar o fluxo natural da auga e evitar inundacións

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que a previsión é que antes de que remate este ano estea listo o estudio que avaliará as repercusións que tería na lagoa a retirada das pedras instaladas a modo de dique artificial
  • Este humidal é un espazo de especial relevancia para dúas especies ameazadas como son a escriventa das canaveiras e a píllara das dunas
  • A conselleira pon en valor que a Xunta vén de adxudicar o contrato para a realización do censo de aves acuáticas invernantes en Galicia 2026-2028 por un importe de máis de 70.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou hoxe que xa está en marcha a contratación dun estudio técnico para avaliar a retirada da barreira artificial do complexo litoral da Frouxeira, no concello de Valdoviño, de cara a facilitar o fluxo natural da auga nesta área, que inclúe un humidal de importancia internacional Ramsar.

Durante a visita que realizou hoxe a este espazo protexido, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a conselleira indicou que o obxectivo do Goberno galego é evitar as inundacións que provoca a acumulación de area que se deposita na lagoa como consecuencia do bloqueo que supón esta escollera para o paso axeitado da auga.

Segundo dixo Ángeles Vázquez, a previsión é que antes de que remate este ano estea listo o estudio que avaliará as repercusións que tería na lagoa a retirada dos restos dese dique. De feito, a necesidade dese informe previo sobre o sistema de desaugadoiro natural é unha das condicións establecidas no plan de conservación do humidal.

Con esta medida, prevese evitar que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático teña que actuar para abrir a desembocadura cando se chega a unha cota determinada e non se abre de xeito natural, tal e como aconteceu os últimos anos.

A conselleira incidiu en que esta actuación busca  garantir o mellor estado de conservación posible para este humidal, que é, ademais, un espazo de especial relevancia para dúas especies ameazadas como son a escriventa das canaveiras -en perigo de extinoión- e a píllara das dunas, que está considerada como vulnerable.

Censo de aves acuáticas invernantes

De feito, a conselleira aproveitou a súa visita á lagoa de Valdoviño, para poñer en valor que a Xunta vén de adxudicar o contrato para a realización do censo de aves acuáticas invernantes en Galicia 2026-2028 por un importe de máis de 70.000 euros.

Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou que estes traballos se veñen realizando en Galicia desde o ano 1987 no marco do Censo internacional de aves acuáticas co obxectivo de recompilar información sobre o número destas especies nas zonas húmidas das principais rutas migratorias do mundo.

Esta análise faise cada ano para permitir comparacións no tempo e analizar a evolución das distintas especies e os resultados publícanse na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa consulta e descarga.

En concreto, segundo detallou a conselleira, os datos de 2025 estableceron un total de 83.149 aves censadas, de 16 familias e 82 especies. Dese global, o 90% corresponden a tres grandes grupos de aves acuáticas: as gaivotas e carráns -41.643 exemplares-, as limícolas –Scolopacidae, Charadriidae e Haematopodidae con 19.748 individuos- e as anátidas, con 13.854 exemplares.

Publicacións Relacionadas