- En total son 30 prazas para crianzas guardesas de 3 a 10 anos
O Concello da Guarda propón de novo para os días de vacacións de Nadal un campamento cheo de actividades lúdicas para as crianzas guardesas.
Estes obradoiros de ocio e tempo de lecer están dirixidos a crianzas de 3 (4º de E. Infantil) ata os 10 anos empadroadas na Guarda e son de carácter gratuíto. O obxectivo principal é facilitar a conciliación da vida persoal e laboral no período non lectivo.
Os obradoiros terán lugar os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e 2 xaneiro en horario de 9 a 14 horas. No caso de necesidade das familias, poderá facerse un horario extensivo de 8:30 a 14:30 para as familias que marquen esta opción na solicitude.
As inscricións abriranse desde o 20 de novembro, ata o 4 de decembro. As inscricións poderanse realizar presencialmente no rexistro ou de xeito telemático a través da sede electrónica. Na sede electrónica deberá cubrirse unha instancia xeral e, en sede ou rexistro, sempre se debe achegar a ficha de inscrición cuberta na súa totalidade.
A ficha de inscrición e as bases atópanse na web do Concello: https://www.aguarda.es/a-concello-da-guarda-volve-apostar-pola-conciliacion-cun-campamento-de-nadal-gratuito/
En total ofértanse 30 prazas para este campamento. No caso de quedar prazas vacantes poderán participar crianzas doutros concellos, mais se as inscricións superan o límite de prazas, realizarase un sorteo público o día 10 de decembro ás 10:00 h no Concello da Guarda.
A listaxe de persoas admitidas será publicado na web do Concello e aparecerá codificado co número de rexistro da solicitude, polo que resulta importante conservar o comprobante da presentación da mesma.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa Corresponsables promovido pola Consellería de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Máis información en informacion@aguarda.es ou na OMIX do Concello da Guarda



