Abordarán os desafíos e o futuro da información cultural, reunindo ás principais voces e profesionais do sector.
O Concello de Pontevedra, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Culturgal, celebrará o vindeiro sábado, 29 de novembro, o Encontro de xornalismo cultural unha cita enmarcada dentro da programación que a cidade leva á Feira das Industrias Culturais. O obxectivo principal é reivindicar a importancia desta área de especialización e facilitar un espazo de reflexión profesional sobre o contexto actual no que se exerce a información sobre cultura.
Este evento, que se desenvolverá na Sala VIP do Pazo da Cultura, celebrarase o sábado 29 de novembro entre as 11:00 e as 13:00 horas. Está deseñado para promover o debate sobre a situación actual da información sobre cultura e os desafíos aos que se enfrontan as e os profesionais.
A xornada comezará coa mesa redonda titulada “Presente e futuro do xornalismo cultural”. Nela, as persoas asistentes terán a oportunidade de reflexionar sobre o percorrido desta temática como área de especialización informativa, analizando dende a súa presenza nos medios tradicionais ata os novos formatos de comunicación e o seu papel na mediación e prescrición cultural.
Participarán neste debate:
- Marta Gómez, xornalista de RNE e quen dirixiu o programa Zig Zag da TVG dende 2018 ata 2025.
- Ana G. Liste, xornalista de Praza e Vinte.
- Tamara Montero, xornalista de La Voz de Galicia.
- Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra.
A sesión será moderada por Iolanda F. Casal, membro do Colexio de xornalistas.
Tras unha breve pausa, o programa continuará co debate “Xornalismo e comunicación cultural: sinerxias e malentendidos”. Nesta segunda mesa, profesionais dos medios e persoas dedicadas á comunicación de entidades e eventos culturais conversarán sobre a calidade e a natureza da relación coas fontes neste ámbito.
Esta mesa contará coa participación de: - Sandra Carnota, xornalista e comunicadora cultural.
- Sonia Díaz, comunicadora cultural, docente e titora de comunicación no CEU en xestión e innovación cultural da USC.
- Alejandro Espiño, xornalista de Pontevedra Viva.
- Susana Regueira, xornalista de Faro de Vigo.
A moderación correrá a cargo de Carme D. Prol, membro do Colexio de xornalistas.
O acceso a esta xornada é libre e gratuíto. As persoas interesadas poden inscribirse previamente a través do formulario online habilitado para tal efecto. Para calquera consulta, as vías de contacto dispoñibles son o correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou o teléfono 981 935 670.



