HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López reforza o vínculo coa colectividade pontevedresa do Uruguai para concluír...

Luis López reforza o vínculo coa colectividade pontevedresa do Uruguai para concluír a viaxe institucional da Deputación á Bos Aires e Montevideo

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado Jorge Cubela, enxalza a achega da emigración para a protección e difusión da cultura galega en Sudamérica nun encontro nos centros Pontevedrés e Galego de Montevideo

“A nosa terra transcende máis aló do noroeste peninsular, vós sodes as embaixadas dese imperio noso que se chama galeguidade, auténticos motores culturais, sociais e económicos que debemos coidar e aproveitar en beneficio mutuo”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforza os vínculos da provincia coa colectividade pontevedresa de Montevideo nun novo encontro con emigrantes galegos residentes no Uruguai tanto no Centro Pontevedrés de Montevideo como no Centro Galego da capital uruguaia. O dirixente recoñeceu a valiosa achegan que realizan a diario estes colectivos a prol da protección e difusión da cultura galega en Sudamérica. A comitiva da Deputación, da que tamén forman parte o vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela; pecha con estas xuntanzas unha viaxe institucional a Bos Aires e Montevideo que serviu para estreitar lazos cos colectivos de emigrados, tender pontes con entidades culturais e económicas de ambos países e asinar a cesión do cadro de Castelao, “A derradeira lección do mestre”, ao Museo de Pontevedra.

“Sodes vos e os auténticos embaixadores de Pontevedra e Galicia, así que vaia por diante o noso recoñecemento polo voso labor o por este convite”, comezou Luis López o seu discurso no Centro Pontevedrés de Montevideo diante de decenas de galegos residentes no Uruguai e pertencentes a colectivos como o Centro Ourensano, Centro Bergantiños. Centro Morgadáns, Alma Galega, Centro Galego ou Val Miñor. “A nosa terra transcende máis aló do noroeste peninsular, vós sodes as embaixadas dese imperio noso que se chama galeguidade, auténticos motores culturais, sociais e económicos que debemos coidar e aproveitar en beneficio mutuo.”

Ademais de poñer en valor a determinante achega da comunidade pontevedresa do Uruguai ao crecemento tanto da provincia de Pontevedra como do conxunto de Galicia, o mandatario provincial quixo trasladar á galeguidade de Uruguai as oportunidades que existen para o retorno a Galicia dos emigrados, se así o desexan. “Podemos contar por centos de miles as viaxes de ida e volta que tantos galegos fixeron a un e outro lado do Atlántico ao longo dunha historia que, malia ser tan cambiante, mantén moitas constantes. As portas dunha e doutra beira sempre están abertas, cando alá faltou sustento, aquí atopámolo; e se algún día falta aquí, alá poderedes atopalo. Moitos de vostedes nunca esqueceron Galicia e Galicia tampouco vos esqueceu por iso hoxe lles ofrece a oportunidade de regresar e as garantías para quedar”, remarcou o presidente López, quen celebrou tamén que “a nosa terra é hoxe un dos territorios con maior calidade de vida de España grazas a quen puxo o seu gran de area, e algo máis, desde fóra”. 

Remate da viaxe institucional

Este encontro no Centro Pontevedrés de Montevideo serviu para poñer o broche de ouro a unha ampla axenda institucional por parte do presidente Luis López e o resto de integrantes da delegación pontevedresa no Uruguai na que visitaron o Museo Zorrilla de San Martín e tamén foron recibidos na Embaixada de España.

Publicacións Relacionadas