HomeXunta de GaliciaA Xunta amplía a 2026 a vixencia da tarifa xente nova e...

A Xunta amplía a 2026 a vixencia da tarifa xente nova e a tarifa +65 do transporte público, coas que as persoas usuarias realizaron 7,7 millóns de viaxes gratuítas ata setembro

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións polas que se amplía do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026 o prazo de vixencia da tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos e da tarifa +65 para maiores de 65 no transporte público interurbano competencia da Xunta
  • Ata setembro realizáronse 39.000 altas novas en ambas as tarifas e o investimento para compensar a súa aplicación ascendeu a máis de 13,1 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións polas que se amplía do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026 o prazo de vixencia da tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos e da tarifa +65 para maiores de 65 no transporte público interurbano competencia da Xunta. Ambas bonificacións permiten ás persoas beneficiarias realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes no autobús interurbano, así como no transporte marítimo da ría de Vigo e nos servizos ferroviarios metropolitanos da área de Ferrol.

As dúas medidas rexistraron ata setembro deste ano 7,7 millóns de viaxes gratuítas por parte das persoas usuarias, o que demostra o seu impacto no transporte público. Así, desde o comezo de ano e ata setembro rexistrándose case 39.000 altas novas e un investimento das administracións que supuxo un aforro para os usuarios de máis de 13,1 millóns de euros neste período.

No que se refire aos datos de cada unha das iniciativas, a tarxeta Xente Nova sumou 20.000 altas novas entre xaneiro e setembro e actualmente hai 132.000 tarxetas activas.

As persoas usuarias desta tarxeta realizaron ata setembro 4,9 millóns de viaxes, 12.000 máis que no mesmo período de 2024 e unha media que supera as 540.000 viaxes ao mes. Así, as cifras sitúanse por riba das do ano pasado, que finalizou marcando un novo máximo anual, con máis de 6,8 millóns de viaxes gratuítas para os máis novos.

Canto á tarifa +65, posta en marcha a comezos de 2024, sumou desde o inicio do ano case 19.000 altas novas, polo que o total de tarxetas neste período supera as 167.000. Sobre a evolución da demanda, as persoas maiores de 65 anos realizaron ata setembro máis de 2,8 millóns de viaxes gratuítas, un 22% máis con respecto ao mesmo período do ano pasado e unha media mensual de máis de 300.000 viaxes. As cifras achéganse ás rexistradas en todo o ano 2024, cando no primeiro ano de funcionamento da medida, a tarifa +65 sumou 3,1 millóns de viaxes.

No presente ano ata setembro, o investimento entre a Xunta e o Estado para compensar os custos destas viaxes ascende a 8,7 millóns de euros para os menores de 21 anos, case un 4% máis que no mesmo período do ano pasado, e a máis de 4,4 millóns de euros para a bonificación das viaxes coa tarifa +65, cun incremento do 26% con respecto aos primeiros nove meses de 2024.

En total, no que se refire á tarxeta Xente Nova, desde a súa implantación en 2016, as persoas usuarias realizaron máis de 33,5 millóns de viaxes gratuítas, cun investimento total que ascende a 50,2 millóns de euros. Pola súa banda, desde xaneiro de 2024, en menos de dous anos, os maiores de 65 anos realizaron case 6 millóns de viaxes coa tarifa +65, cunha achega de máis de 9,2 millóns de euros para aplicar a gratuidade.

Estas medidas de fomento do transporte público non só melloran a accesibilidade e a calidade de vida dos colectivos beneficiarios, senón que tamén fomentan unha mobilidade sustentable e reducen os custos económicos das familias galegas.

O compromiso da Xunta co transporte público continúa a crecer, e estas iniciativas, sumadas aos avances na modernización do servizo, teñen como obxectivo ofrecer alternativas máis accesibles e económicas para a cidadanía.

Publicacións Relacionadas