- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou como se está a levar a cabo o traslado do persoal do antigo xulgado número 1 de Primeira Instancia e Instrución e da oficina de Rexistro Civil e á próxima semana procederase cos profesionais do xulgado número 2
- O pasado luns xa se comezou a mover a documentación do arquivo
- En total, habilitáronse 18 postos, incluíndo dous xuíces, dous letrados e 11 funcionarios da Administración de Xustiza, aos que se suman tres axentes encargados da vixilancia e da seguridade
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, comprobou hoxe o inicio do traslado ao novo edificio xudicial da Estrada do persoal que traballaba nos antigos xulgados de Primeira Instancia e Instrución número 1 e 2, así como do Rexistro Civil. En total, son 18 profesionais, incluíndo dous xuíces, dous letrados da Administración de Xustiza e 11 funcionarios -xestores, tramitadores e auxilios-, aos que se suman tres axentes que se encargan da vixilancia e da seguridade.
O traslado da documentación dos arquivos xa comezou o pasado luns e hoxe procedeuse co do persoal do antigo xulgado número 1: o maxistrado, o letrado e sete funcionarios, entre eles os dous que se ocuparán da oficina do Rexistro Civil. Para a próxima semana estaría previsto culminar o proceso coa xuíz, a letrada e os sete funcionarios do xulgado número 2.
Diego Calvo lembrou que este calendario aprobárase de acordo co letrado director do tribunal de Primeira Instancia da Estrada co obxectivo de non entorpecer o labor do persoal nin suspender as actividades. Do mesmo xeito, abordouse co persoal de mantemento que estes días realizou o traslado do arquivo.
Cómpre lembrar que a Xunta investiu case 3,3 millóns de euros neste novo edificio xudicial para reunir nun único edificio os dous xulgados de Primeira Instancia e Instrución que estaban dispersos e en diferentes locais, resultando nun único Tribunal de Instancia con dúas prazas, coa finalidade de ofrecer un mellor servizo á veciñanza da Estrada e da súa contorna. Nunha superficie de 1.600 metros cadrados nunha planta única alberga ambos xulgados, ademais doutros espazos para o Rexistro Civil, a Fiscalía, despacho e sala de espera para médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) ou a sala de atención ás vítimas, entre outras dependencias.
Nesta liña, o conselleiro sinalou que esta obra forma parte do compromiso do Goberno galego para mellorar as infraestruturas xudiciais da comunidade e así o demostra o importante investimento de máis de 165 millóns entre 2014 e contando os previstos para 2026 tanto para poñer en marcha novas instalacións xudiciais como para mellorar as xa existentes con outras obras menores ou con actuacións de eficiencia enerxética.
O edificio xudicial da Estrada xa cumpre cos estándares do Plan Xustiza 2030 do Goberno central para contar con sedes xudiciais que aposten pola eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a accesibilidade.
Por outra parte, nos xulgados da Estrada, ao igual que no resto dos 38 partidos xudiciais da comunidade -todos agás os das sete cidades- xa está implantada desde o pasado 1 de xullo a nova oficina xudicial derivada da aprobación da Lei estatal de eficiencia xudicial que, neste caso, deu como resultado un único Tribunal de Instancia con dúas prazas. Neste senso, Diego Calvo, lembrou que Galicia segue avanzando para cumprir en prazo e que o vindeiro 31 de decembro tamén se remate a posta en marcha das novas oficinas xudiciais nos xulgados das cidades.
Destacou que a implantación desta norma non veu acompañada do orzamento necesario por parte do Goberno central, o que obrigou á Xunta a asumir os custos relacionados coa reorganización de persoal, o acondicionamento de espazos e a dotación de mobiliario e medios tecnolóxicos, ademais de levar a cabo a formación do persoal.



