HomeVigoMosJavier Pitillas, invitado nos Parladoiros da Fundación Pazo de Mos

Javier Pitillas, invitado nos Parladoiros da Fundación Pazo de Mos

- Anuncio -spot_img

A súa presenza nesta edición prodúcese a petición do Concello de Mos para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A Fundación Pazo de Mos celebra unha nova sesión dos seus Parladoiros, o ciclo de encontros creado para compartir historias de vida, dar voz a proxectos transformadores e fortalecer a comunidade a través da palabra e a reflexión. Nesta edición, e a proposta expresa do Concello de Mos para conmemorar o Día da Discapacidade, o convidado será Javier Pitillas, fundador de DisCamino e referente na inclusión a través do deporte adaptado.

O próximo luns, 1 de decembro, ás 19.30h, terá lugar unha nova sesión no Pazo de Mos, que cun convidado moi especial: Javier Pitillas, Policía Local xubilado e co-responsable de DisCamino, un proxecto cheo de humanidade, inclusión e superación a través do Camiño de Santiago.

Será unha conversa inspiradora e moi emotiva, presentada por Montse Martínez Muíños e acompañada pola música en directo de Ana Belén Rodríguez.

Os interesados en asistir ao parladoiro deben reservar praza neste formulario: https://forms.gle/swijBvLYytx6dVK76

Homenaxe a Gerardo Fernández Costa

Este parladoiro será tamén un espazo para render homenaxe a Gerardo Fernández Costa, “Gerardo”, compañeiro inseparable de Pitillas e un dos piares fundamentais de DisCamino. O seu recente falecemento deixa unha pegada profunda, pero tamén un legado inmenso de amizade, humor e superación que seguirá presente en todas as actividades da entidade.

Fundada en 2009, DisCamino promove a inclusión de persoas con discapacidade física, mental ou sensorial a través do deporte. A súa actividade central consiste en facer o Camiño de Santiago sobre rodas, utilizando triciclos-tándem que permiten a persoas con mobilidade reducida vivir a experiencia acompañadas dun copiloto.

Hoxe, DisCamino integra unha familia de máis de 40 pilotos e voluntarios, que continúan asumindo retos deportivos e sociais por toda España. O traballo de Javier Pitillas e da entidade valeulle recoñecementos como o de Medalla Castelao o (2014) ou a Orde ao Mérito Civil (2015). Ademais, a Xunta de Galicia impulsou en 2021 a súa candidatura ao Premio Princesa de Asturias da Concordia.

Actividades educativas en Mos: aprendizaxe vivencial para o alumnado

Tamén no marco do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora o 3 de decembro, o Concello de Mos, en colaboración con DisCamino, impulsa actividades dirixidas ao alumnado de 6º de Primaria dos centros educativos do municipio.

A celebración desta data ofrece unha oportunidade esencial para promover nos centros unha cultura de respecto, sensibilización e inclusión. DisCamino, pola súa metodoloxía e filosofía, convértese nunha ferramenta pedagóxica de alto valor formativo, social e emocional.

O curso pasado, o alumnado de 5º e 6º de Primaria xa recibiu unha charla introdutoria para coñecer a realidade das persoas usuarias e voluntarias da entidade. Este ano, o programa vai un paso máis aló cunha proposta práctica e vivencial: unha actividade de handbikes de montaña, que permite ao alumnado comprender as barreiras ás que se enfrontan persoas con mobilidade reducida; descubrir recursos reais para promover a autonomía persoal; fomentar empatía, cooperación e educación emocional; reflexionar sobre igualdade de oportunidades e diversidade.

Esta actividade realizarase en parellas por quendas, para experimentar ambos roles e levarase a cabo nas pistas deportivas dos centros CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Petelos, CEIP Peña de Francia, CEIP Atín e CEIP Mestre Valverde Mayo —ou no patio cuberto ou pavillón en caso de chuvia-.

EVD Galicia

Por outra banda, o alumnado de 5º de Primaria dos centros de Mos participará nunha intervención artística (“Construíndo xuntos a inclusión”) xunto ás usuarias de EVD Galicia, entidade dedicada ao apoio de persoas con discapacidade intelectual no Concello de Mos.

A actividade principal (“Tecendo a diversidade”) consistirá en tecer un mural de 10 metros utilizando cintas do cores e creando patróns xeométricos acompañados de mensaxes de inclusión e respecto mediante a actuación. Esta proposta busca promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade, sensibilizar sobre prexuízos, barreiras visibles e invisibles, favorecer a participación e a inclusión real e fomentar o traballo colaborativo e o coñecemento mutuo.

O mural será instalado nun espazo municipal o 3 de decembro, para dar visibilidade ao compromiso educativo e comunitario coa inclusión.

Publicacións Relacionadas